Protección Civil de Ferrol busca novos voluntarios para o corpo

A agrupación acaba de iniciar unha campaña de captación de persoal co respaldo do Concello

A Agrupación de Protección Civil de Ferrol acaba de iniciar unha campaña de captación de voluntarios que conta co respaldo do Concello. Os requisitos mínimos para participar no proceso de selección que se vai pór en marcha son ser maior de 18 anos (ou de 16 se se conta con permiso paterno), carecer de antecedentes penais e ter cursada a ensinanza secundaria obrigatoria ou equivalente. Para pasar a formar parte da agrupación, finalmente, tamén haberá que superar unha entrevista persoal.

O proceso de selección vaise desenvolver seguindo as recomendacións do Ministerio de Sanidade. En primeiro lugar, deberá empregarse un formulario on-line que haberá que remitir cuberto á AVPC. A continuación, quen cumpran os requisitos mínimos, serán convocados a unha telereunión en grupo, na que participarán un máximo de dez persoas, durante a que se lles explicará o funcionamento da agrupación e en que consiste o seu traballo, así como as diferentes seccións que a compoñen e a formación que poden recibir os seus membros, entre outras cuestións.

Outro dos cometidos desta xuntanza será aclarar todas as dúbidas que teñan os aspirantes. Os que despois sigan interesados deberán pasar pola entrevista, o último paso do proceso antes de entrar a formar parte da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil. Para obter o documento de solicitude pódese contactar a través de calquera das redes sociais na que a agrupación ten conta: WhatsApp ou Telegram (698 179 927), Facebook (A.V. Protección Civil Ferrol), Twitter (AVPCFerrol) e Instagram (proteccioncivilferrol).

Durante o estado de alarma foi especialmente remarcable a labor dos membros de Protección Civil, que prestaron axuda directa á cidadanía e realizaron labores loxísticas para o Concello, como reparto de menús da Cocina Económica, a distribución de equipos de protección individual ou a asistencia ás persoas pertencentes a grupos de risco.

 

Salir de la versión móvil