Rescatada unha muller de avanzada idade do interior da súa vivenda no Inferniño

Os bombeiros tiveron que acceder a través dunha fiestra para acceder ao domicilio e auxiliala tras unha caída

Foto de arquivo dos Bombeiros de Ferrol

Os bombeiros de Ferrol rescataron o pasado sábado a unha muller de idade avanzada que caera no interior da súa vivenda. Trátase dunha residente nun terceiro piso da rúa Deporte, no barrio do Inferniño. Foi unha veciña da planta superior a que deu a alerta á Policía Local.

Segundo explicou ao axente que atendeu a súa chamada, a accidentada puxérase en contacto con ela a través do teléfono móbil para explicarlle que se atopaba tendida no chan con dolor e que non era quen de moverse. Ao chegar a patrulla, explicou que a porta de entrada se atopaba pechada con chave e que existía a posibilidade de acceder ao inmoble a través dunha fiestra de sinxela apertura situada na fachada. Por ese motivo, os policías solicitaron a axuda do Corpo de Bombeiros e do 061.

A dotación do parque ferrolán que se desprazou ao lugar puido entrar no piso e dar coa muller, que se atopaba nunha terraza interior. Logo abriron a porta para que accedera o persoal sanitario e a atendese antes de trasladala ao Hospital Arquitecto Marcide para facerlle probas médicas. Presentaba dor nas pernas e nun brazo.

Salir de la versión móvil