Sancionados dous veciños de Ferrol por depositar lixo fóra dos colectores

En ambos casos trátase de veciños do barrio da Magdalena aos que a Policía Local identificou na noite do pasado venres cando abandoaban as bolsas na rúa, ante os portais dos seus edificios

O departamento de Seguridade do Concello de Ferrol vai tramitar sendas sancións contra dúas persoas que o pasado venres foron identificadas mentres deixaban bolsas do lixo na rúa, fóra dos colectores de recollida. Eran preto das once da noite cando unha patrulla que se atopaba facendo labores de vixiancia na Magdalena viu a un veciño abandoar os residuos ante o portal do seu edificio, polo que procedeu á súa identificación. Pouco despois, os axentes detectaron, na mesma rúa, que outro cidadán estaba a proceder de idéntica maneira.

En ambos casos, estas persoas alegaron que se trataba dunha práctica habitual entre máis habitantes do barrio, ao que os funcionarios policiais responderon aclarando que unicamente se poden depositar residuos nos contedores habilitados a tal efecto e que os traballadores da concesionaria do servizo de recollida colocan nas rúas e despois retiran, e que calquera outra forma de facelo está expresamente prohibida pola correspondente ordenanza municipal. Esta normativa está vixente dende a súa aprobación polo pleno no ano 2009.

Os feitos recollidos no informe dos axentes están contemplados na citada ordenanza como unha infracción leve, que leva aparellada unha sanción de ata 750 euros. A obriga de botar o lixo nos colectores correspondentes está a ser especialmente controlada estas semanas debido á epidemia de COVID-19 e á necesidade de extremar as medidas de hixiene en todos os ámbitos, e neste caso concreto, coa intención de que o persoal que recolle os residuos urbanos poida desempeñar o seu traballo nunhas condicións de seguridade o máis axeitadas posible, aínda máis nunha situación de crise sanitaria coma a actual.

Salir de la versión móvil