Sete denunciados en Ferrol por atoparse no interior dun bar vulnerando as normas da Fase 1

Trátase da propietaria do establecemento e de seis persoas máis, tres das cales estaban consumindo bebidas e outra fumando

Sete persoas foron denunciadas pola Policía Local por infrinxir o estado de alarma. Todas elas se atopaban no interior dun bar do barrio do Inferniño pasada a medianoite. Unha patrulla que realizaba labores de vixilancia detectou a presenza deste grupo dentro do establecemento. Cando entraron, os axentes comprobaron que se trataba da propietaria e de seis individuos máis, tres dos cales estaban consumindo bebidas alcohólicas. Un estaba fumando.

Ademais, non gardaban as distancias nin as medidas de seguridade establecidas no Real Decreto 463/2020. Por todo elo, os policías procederon á súa identificación e á posterior denuncia, e finalmente pecharon o local.

Con estas sete propostas de sanción, as únicas que tramitou a Policía Local durante a quenda de onte e a desta pasada noite, ascenden a 360 as denuncias formuladas por infrinxir o estado de alarma. O número de detidos continúa en catro.

Salir de la versión móvil