A Policía Local de Ferrol denunciou onte a sete persoas por saír á rúa sen xustificación. Nalgún caso tamén foron propostas para sanción por outros motivos a maiores. Por exemplo, un condutor que foi localizado conducindo de forma neglixente por Covas. Nada máis ver o coche patrulla que vixiaba a zona, o home deuse á fuga a toda velocidade e a despois tomou camiño cara a Mandiá. Os axentes perdérono de vista, pero conseguiron darlle alcance máis tarde, cando xa se encontraba na estrada de Catabois. Interceptárono en Celso Emilio Ferreiro.
A proba de alcoholemia á que foi sometido deu positivo, polo que o seu vehículo foi inmobilizado e posteriormente trasladado polo servizo de guindastre ao depósito municipal. O home enfróntase tamén a multas por incumprir o confinamento e por condución temeraria.
Das outras catro denuncias, tres corresponden a un altercado ocorrido na esquina do Cantón de Molíns con Pardo Baixo, durante o que varias persoas exhibiron diferentes obxectos contundentes a modo de armas. Tras a intervención da Policía Nacional, tamén acudiron ao lugar patrullas do corpo municipal. Nesta última rúa do centro de Ferrol está domiciliado tamén un veciño que onte foi parado nun control e que alegou que se dirixía a Mandiá para mercar pan, cando nas inmediacións do seu lugar de residencia existen “suficientes establecementos onde poder adquirir ese produto básico”, según a Policía, polo que tamén foi sancionado.
Noutro control tamén foi interceptado un condutor que asegurou que ía a unha estación de servizo para repostar. Sen embargo, os policías locais aos que lles deu esa explicación puideron comprobar que o depósito de combustible do seu coche estaba cheo, polo que tramitaron a correspondente denuncia por incumprimento das medidas contempladas no estado de alarma.
Finalmente, impúxoselle unha última sanción a unha persoa que cando foi identificada na rúa dixo que saíra do seu domicilio para ir ao supermercado, cando este tipo de negocios permaneceron pechados onte por ser festivo.