No marco da mostra ‘Ferrol no tempo’, organizada pola Xunta de Galicia e Afundación, a Obra Social de ABANCA, desenvolverase unha proposta aberta á participación activa de quen gardan na súa memoria as transformacións recentes da cidade. Deste xeito, a partir dunha visita que conducirán mañá o coordinador local da mostra, Guillermo Llorca Freire, e a asesora Esperanza Piñeiro, testemuñas directas e socias e socios do Espazo +60 Afundación Ferrol, vinculados con algúns dos fitos máis salientables dos últimos anos na zona, sumarán os seus discursos ao relato expositivo para ofrecer unha visión complementaria sobre a visión retrospectiva arredor de Ferrol.
Así, en «Ferrol no tempo a través dos seus testemuños» participarán mañá na visita, a partir das 12.30 horas na Sede Afundación Ferrol, María Luisa e M.ª Carmen Souto, netas de Ángela Ruíz, creadora do primeiro libro electrónico; Pilar Alves, filla dunha das catro mulleres que debutaron con Toxos e Flores no Teatro Jofre hai cen anos; Fina Álvarez, traballadora de PYSBE; Loli Fontán, única muller informática do estaleiro ASTANO; Pilar Baliño, coñecedora dos fielatos e o acceso á cidade a través das antigas portas da muralla con pago de impostos; Ángeles Rodríguez, empresaria confeiteira de éxito con diñeiro doado pola Fundación Amboage; e Santos Vidal, coñecedor das escolas obreiras e da escola de aprendices de Bazán. Estarán tamén presentes Martina Aneiros Barros, delegada da Xunta de Galicia en Ferrol; Ángel Mato Escalona, alcalde do Concello de Ferrol; e Julián Reina Villalón, concelleiro de Urbanismo de Ferrol.