Sindicatos de Navantia e das auxiliares advirten ao delegado do Goberno dos despedimentos masivos nos próximos meses

Reclaman algunha carga de traballo para o naval de Ferrolterra, que podería perder preto de 3.000 traballadores das auxiliares en 2021

Una representación de delegados e delegadas da industria auxiliar de Navantia Ferrol e Fene mantivero hoxe en A Coruña unha reunión co delegado do Goberno, Javier Losada, para manifestarlle as dificultades que están a padecer non só como empresa pública, senón a situación industrial da comarca de Ferrolterra. “Unha comarca deprimida que actualmente se atopa cunha falla importante de carga de traballo”, dixo o presidente do comité de Ferrol, Javier Galán. Os sindicatos lembraron que a situación vai ser máis grave que na primeira metade do presente ano, xa a saída do primeiro AOR australiano a pasada semana e a marcha do segundo AOR a finais de ano poderá supoñer despedimentos masivos na industria auxiliar. “Dos 2.000 que comezaron coa obra quedan 900 e eses xa non chegarán ao 2021”.

Tamén criticou o presidente do comité “a publicidade” que tanto a empresa como a Xunta de Galicia fan respecto da carga de traballo que hai no estaleiro de Fene. Galán defende que é unha afirmación falaz e que o que existe é un aluguer das instalacións a empresas como Windar ou Nervión para fabricar os jackets. “O que reclamamos para Fene é unha carga de traballo efectiva por parte de Navantia que de resposta ao enorme desemprego da comarca e á subactividade da plantilla” da antiga Astano.

Do mesmo xeito, denunciaron ante o delegado do Goberno a actitude da corporación pública respecto ao departamento de turbinas, que é, en palabras de Galán, “un dos mellores talleres de mecanizado que hai en Europa” e que no consegue ningún contrato de importancia. “Parece que o empeño da actual dirección é facela desaparecer”, dixo o presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol.  “Insistimos en que non é só un problema de falla de traballo, que o é, senón tamén de abandono industrial dunha comarca”, rematou Galán.

Fondos Europeos

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, explicou que trasladará á empresa pública a posibilidade de optar a fondos europeos para garantir carga de traballo. Losada insistiu en que Navantia ten “capacidade para presentar proxectos á proposta que faga o Goberno de España” para o uso dos fondos europeos destinados a modernización de tecnoloxía, innovación e dixitalización, que forman parte dos 140.000 millóns de euros que recibirá España.

“Sería unha boa oportunidade”, subliñou Javier Losada. Por iso, trasladará á dirección de Navantia e ao Ministerio de Industria o abordado hoxe no encontro coa representación sindical, que busca garantir carga de traballo. O delegado do Goberno lembrou o investimento por parte da Sociedade Estatal de Participacións Industriais de 160 millóns de euros. O obxectivo é poñer en marcha un taller de fabricación de subbloques para empezar a aplicar o modelo de estaleiro 4.0.

Javier Losada engadiu que o contrato das fragatas F-110 está en fase de desenvolvemento da enxeñería de deseño detallado das embarcacións. Son 4.317 millóns de euros que xerarán traballo durante 10 anos, coa primeira entrega prevista en 2026. O contrato supón unha oportunidade para que a comarca de Ferrol poida acoller nichos de excelencia tecnolóxica, de nivel de coñecemento elevado, que poden ser un proxecto de futuro a medio e longo prazo.

Caravana reivindicativa

Antes da reunión co delegado do Goberno, os representantes sindicais de Ferrol realizaron unha caravana reivindicativa nos seus vehículos polas rúas de Ferrol ata o estaleiro de Fene, onde os esperaban outros compañeiros da antiga Astano. Desde alí continuaron esta caravana reivindicativa ata a Coruña demandando máis carga de traballo para a industria naval de Ferrol.

 

Salir de la versión móvil