Entre as persoas denunciadas onte pola Policía Local de Ferrol por incumprir o confinamento contemplado no estado de alarma, atópanse dúas mulleres e un home que foron localizados mariscando nas inmediacións do auditorio de Ferrol, en Caranza. Os axentes comprobaron que, ademais, carecían de licencia para desenvolver esa actividade, de modo que tamén se enfrontan a sancións por marisqueo ilegal. Tanto o marisco que se lles retirou -varios quilos de ameixas- coma os utensilios que empregaban para a súa extracción fóronlles entregados ao vixiante da confraría.
Tamén foi proposto para sanción o propietario dun vehículo retirado polo servizo de guindastre. O coche estaba aparcado sen ter accionado o freo de man, polo que se desprazou ata quedar apoiado contra un muro, de xeito que a Policía deu aviso para que fose trasladado ao depósito municipal. Ao ter coñecemento dos feitos, o dono achegouse ao cuartel da Policía Local para recriminar o acontecido e proferir ameazas contra os axentes que levaran a cabo a actuación. En concreto, dixo que están “sentenciados”.
Pasada esta media noite, unha patrulla viu a un peón á altura do número 364 da estrada de Castela, ao que se lle preguntou por que motivo se atopaba na rúa. Tras indicar que vivía na zona de Catabois e alegar que se desprazara á Gándara para mercar tabaco, manifestóuselle que a ía ser proposto para sanción, ao que replicou que “o Goberno permite o desprazamento dos menores, e, por tanto, tamén dos adultos”.
Entre o total de 17 persoas denunciadas onte, tamén se atopaban unha muller que explicou que volvía ao seu domicilio tras facer a compra, pero os policías comprobaron que o recibo do supermercado era de había unha hora, e un mozo que ía en patinete a “dar unha volta”.