Últimos días para visitar a mostra ‘Orixes’ sobre o pasado castrexo de Ferrol

Pode visitarse na sala Bello Piñeiro do centro municipal Torrente Ballester ata o próximo domingo 19 incluído

Exposición da mostra Orixes | ATENEO

A exposición ‘Orixes. Ferrol Castrexo’, a primeira das actividades da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial impulsada polo Concello de Ferrol e a UDC, aínda pode visitarse na sala Bello Piñeiro do centro municipal Torrente Ballester ata o próximo domingo 19 incluído. Mañá venres terá lugar, de balde, a última das visitas guiadas, ás 19:00 horas, a cargo do director da cátedra, o arqueólogo e profesor Juan Luis Montero Fenollós. A mostra foi inaugurada a finais do pasado ano polo alcalde, Ángel Mato, e a vicerreitora do Campus de Ferrol, María Jesús Movilla, e o seu prazo de exposición foi ampliado ata o 19 de marzo ante a boa acollida.

O centro está aberto ao público de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, mentres que os domingos e os festivos permanece aberto unicamente polas mañás. Así mesmo, acábase de poñer en funcionamento a páxina web da Cátedra de Arqueoloxía, que conta cunha sección de notas con pílulas semanais coas que coñecer nun minuto diversos temas sobre arqueoloxía e publica todas as actividades previstas para as próximas datas, entre outros asuntos de interese. A Cátedra tamén está a impulsar a creación na cidade de Ferrol dun arqueódromo permanente, que se localizará no centro municipal Torrente Ballester. Será unha aula didáctica que recibirá a visita de escolares da cidade e da comarca.

Ademais, con motivo do Día da Muller (8 de marzo), terá lugar o 27 de marzo a proxección do documental ‘A muller romana na Gallaecia’, na que as profesoras María José Bravo e Susana Reboreda, da Universidade de Vigo, participarán nun debate sobre este audiovisual, que mostra as condicións de vida das mulleres á chegada dos romanos ao noroeste peninsular e a súa evolución posterior. Será de acceso libre ás 19.30 horas no salón de graos da Facultade de Humanidades do campus de Esteiro.

Salir de la versión móvil