Últimos trámites antes do inicio das obras nos proxectos ao cemiterio de Serantes e na rúa Basanta

A Mesa de Contratación do Concello de Ferrol avanzou onte na tramitación de ambas obras para que se materialicen nos próximos meses

A Mesa de Contratación Permanente do Concello de Ferrol avanzou onte en dous proxectos “moi importantes”, según o propio goberno, que se achegan á súa última fase de tramitación e que está previsto que se materialicen nos próximos meses. Trátase da ampliación do viario de acceso ao cemiterio de Serantes e da urbanización da rúa Basanta, “unha reivindicación que vén de anos atrás e que por fin imos conseguir adxudicar e executar”. No primeiro caso, a Mesa xa realizou unha proposta de adxudicación, a falta de que a empresa presente a documentación pertinente. No segundo, xa lle deu o visto e prace á adxudicación para que sexa aprobada pola Xunta de Goberno Local.

O proxecto de Serantes prevé obras entre a rotonda da DP-3612 e o acceso á igrexa, un espazo que o proxecto divide en dous tramos: o comprendido entre a glorieta e o inicio do camiño de acceso ao lugar de Aneiros e o que resta ata pasar o camposanto. Actualmente o ancho da calzada vai dos 5,5 metros no primeiro tramo ata os 3,30 no acceso á igrexa, e carece de beirarrúas e zonas habilitadas para o aparcamento de vehículos.

O proxecto inclúe para o primeiro tramo unha beirarrúa de 1,80 metros, 2,20 para estacionamento lateral, dous carrís de 2,50 metros cada un e unha beiravía. No segundo haberá 2,20 metros de ancho para estacionar a ambos lados, unha calzada de case 4 e unha beiravía de 2. Instalarase nova tubaxe de PVC que se conectará ao saneamento de pluviais executado na estrada DP-3612, a conexión da saída do cemiterio á rede de saneamento e augas fecais, ramplas nas beirarrúas e tamén a colocación de bandas de aviso nos cruces de peóns. A actuación conta cun orzamento de 227.433 euros.

Rúa Basanta

En canto á urbanización da rúa Basanta, trátase dunha actuación que ten como obxectivo ampliar unha vía que nalgúns puntos non ten máis de catro metros de ancho e que pasará a ter unha plataforma de 14, incluíndo dous carrís de 2,80, dúas bandas de aparcamento de 2,20 e sendas beirarrúas de 2 metros.

O tramo ao que afecta supera o medio quilómetro de lonxitude, e o orzamento base de licitación era de 525.908 euros. O prazo de execución é de seis meses, que comezarán a contar a partir da firma da correspondente acta de comprobación de replanteo. A garantía dos traballos será dun ano tras a recepción da obra.

Salir de la versión móvil