Un proxecto sobre retinografías do CHUF é gañador na I edición dos Premios de Innovación en Saúde de Galicia

Os especialistas utilizan un smartphone co que logran obter unha información reproducible, doada de conseguir, e cun sistema máis lixeiro e manexable que o propio retinógrafo
533e6954ca4dac9deddfebf7a692cb58c8904743_imagen-retincam-video

O proxecto Desenvolvemento do uso do Smartphone para retinografías na Área Sanitaria de Ferrol do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e a Sociedade Galega de Telemedicina é finalista na primeira edición dos Premios Innovación en Saúde do Sistema Público de Saúde de Galicia, que esta mañá se retransmitía en directo dende o salón de actos da Consellería de Sanidade en Santiago de Compostela, a través dos canais da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS). Esta primeira edición dos Premios de innovación en Saúde pretende pór en valor aquelas ideas innovadoras que teñen potencialidade para entrar na Plataforma de Innovación Sanitaria.

A coordinadora do proxecto premiado, a especialista en Oftalmoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Nuria Olivier Pascual, interviña en directo na sesión trala mención do premio. Este proxecto foi escollido entre 70 proxectos presentados en toda Galicia. Este mesmo proxecto xa fora destacado o pasado novembro a nivel nacional como unha das Mellores Ideas 2019 de Diario Médico na categoría de Saúde Dixital e Tecnoloxía.

Retinografías co móbil

Oftalmoloxía considera que a exploración do fondo de ollo dun paciente é unha actividade relevante no día a día sanitario, tanto no ámbito dos centros de saúde como, por exemplo, en pacientes ingresados no hospitalario. O feito de poder enviar as imaxes a un profesional especializado facilita e dinamiza o diagnóstico, evita desprazamentos, e facilita a accesibilidade ó paciente. Nesta liña, destacar que os profesionais desta área sanitaria foron dos primeiros en aplicar a telemedicina a esta especialidade, e foi das primeiras áreas tamén en dotar ós centros de saúde de retinógrafos para poder activala.

Dende hai algún tempo, pódense facer fotografías de fondo de ollo coa axuda de smartphones, unha lente de oftalmoscopía de 20 ou 28 dioptrías, e gotas de dilatación das pupilas; e, dese xeito, é posible obter unha información reproducible, doada de conseguir, e cun sistema máis lixeiro e manexable que o propio retinógrafo. Aproveitando esas experiencias, e como indican no proxecto galardoado, “establecemos un plan para tentar implantar este xeito de exploración nos nosos centros cos residentes, os profesionais de Urxencias e outros interesados»

Mellórase así o proceso diagnóstico daqueles pacientes que non poden facer unha retinografía convencional ben por non dispor dela, ou polo seu estado en xeral. Permite a telemedicina o envío de imaxes do fondo do ollo en novos contextos de xeito sinxelo e económico. Ademais, este proxecto ten un valor engadido de solidariedade para as persoas implicadas, xa que profesionais do Servizo de Oftalmoloxía do Complexo ferrolán colaboran habitualmente con Organizacións Non Gobernamentais, e o emprego destes dispositivos pode ser de grande utilidade para facer fondos de ollo nas campañas que realizan en países en vías de desenvolvemento.

Publicidad
Xeoparque Cabo Ortegal
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.