Vandalizan o Centro Social Artábria, en Ferrol: “Arriba España” e esvásticas

O local amenceu este sábado cheo de pintadas e coa bandeira de Palestina da súa verxa convertida nunha bandeira de España
Centro Social Artábria vandalizado esvástica

O Centro Social Artábria, situado na Travesía de Batallones no barrio de Esteiro, en Ferrol, sufriu na madrugada deste sábado un acto vandálico de carácter fascista. A sede da Asociación Cultural amenceu con pintadas na súa entrada, incluíndo varias esvásticas e a alteración dunha bandeira palestina previamente pintada na persiana.

Segundo informou a propia entidade, a bandeira de Palestina foi modificada con pintura en espray para simular a bandeira española, acompañada de símbolos nazis e consignas como “Arriba España”. Ademais, apareceron outras esvásticas tanto na fachada do local como nunha vivenda contigua.

Desde Artábria denunciaron publicamente os feitos e sinalaron que non se trata dun episodio illado. A entidade lembrou agresións e ataques sufridos en etapas anteriores, algúns deles vinculados a grupos ultras. Tamén apuntaron a que este tipo de accións adoitan coincidir coa Semana Santa, período no que a cidade recibe unha maior afluencia de visitantes.

Nun comunicado, o colectivo reafirmou o seu “compromiso firme na defensa dunha sociedade libre de fascismo, racismo e calquera forma de opresión”, subliñando que “non nos van intimidar” e que continuarán traballando polo tecido asociativo, a cultura popular e a solidariedade internacionalista.

Poucas horas despois do ataque, un grupo de socios, socias e persoas próximas ao centro procedeu á limpeza inmediata das pintadas, restaurando a bandeira palestina e eliminando toda a simboloxía nazi-fascista.

«Um grupo de sócios, sócias e amigos da Artábria limpárom imediatamente a bandeira da Palestina e eliminárom toda a simbologia nazi-fascista, rojigualda incluida: O turismo fascista nom nos intimida», concluiron.

Condena unánime

O Concello de Ferrol condenou o sucedido cualificándoo de “acto vandálico” e fixo un chamamento ao civismo e á responsabilidade colectiva. Pola súa banda, o BNG tamén rexeitou o ataque. O seu portavoz municipal, Iván Rivas, considerou que as pintadas reflicten “aspectos intolerables do españolismo máis rancio”, tanto pola imposición de símbolos como pola súa acción sobre a bandeira palestina.

Desde o PSOE local condenaron “enerxicamente” as pintadas, definíndoas como “actos intolerables que non teñen cabida nunha sociedade democrática” e que atentan contra os valores de convivencia, respecto e diversidade.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.