Xa non hai casos activos por coronavirus ingresados no Marcide

O Sergas iniciou onte a segunda parte do estudo de seroprevalencia na comarca, ao que serán citados uns 3.200 veciños para realizarlles os test

A Dirección Xeral de Saúde Pública informou que a área sanitaria de Ferrol xa non conta con casos positivos por coronavirus ingresados no Arquitecto Marcide. O total de persoas contaxiadas actualmente é de 13 e todas elas atópanse nos seus domicilios en illamento e baixo control médico telefónico.

O Sergas xa contabiliza un total de 567 casos non activos, é dicir, que superaron o virus e obtiveron a alta epidemiolóxica. A última vítima mortal faleceu o 9 de maio e con ela son 33 os mortos nas comarcas de Ferrol, Eume e Otegal a causa do Covid-19.

Pola súa banda, a Consellería de Sanidade iniciou onte a segunda onda de test do estudo de seroprevalencia do SARS- CoV-2 para coñecer a circulación do virus na comunidade galega. Na área Sanitaria de Ferrol realizaranse estas probas rápidas a 3.200 persoas, 50.925 en toda Galicia. O primeiro ensaio realizado arrouxo unha cifra dun 0,65% de poboación inmune no conxunto das tres comarcas e estima que ao redor de 1.100 persoas xa pasaran o virus.

Os test empezáronse a realizar onte nos centros de saúde de toda a área como no de Narón, onde membros de Protección Civil colaboraron na regulación ao acceso das instalacións sanitarias.  A realización das probas prolongarase durante dúas semanas e aínda que comezaban onte, a pasada semana a consellería xa procedía á citación dos participantes. O material para a súa realización tamén foi distribuído previamente por Sanidade aos centros de saúde.

 

Salir de la versión móvil