Heladería Cassata, a nova xeadería ferrolana que ven para aportar dozura e frescura a partes iguais

Xeados 100% naturais, cafés, tartas, turróns e moito máis. Esta franquicia murciana abrirá un novo establecemento no porto de Curuxeiras a partires desta semana

Os xeados, aínda que a uns máis e a outros menos, polo xeral gústannos a todos. Á mocidade espértalles esas ansias de doce e de verán que non é outra cousa máis que sinónimo de diversión. E en canto aos non tan novos, ese sabor inigualable e inconfundible pode chegar a refrescarnos recordos casi esquecidos.

Porén, en Ferrol non hai moita tradición en canto a xeados artesanais se refire, xa que os anteriores modelos a seguir que podíamos situar no mapa da cidade naval eran a histórica Confitaría Ramos ou a Cafetería Toffe, situada no Inferniño. Pero agora os amantes deste alimento tan especial poden gardar as súas inquedanzas, pois aínda van ter xeado para rato e este parece que non se vai derreter tan doadamente.

Xeadería Cassata

“Somos unha empresa familiar, descendentes de Xixona, de cuarta xeración dedicada desde hace máis de 70 anos á elaboración de xeados artesanais, naturais de gran calidade”, así defínense na súa páxina web esta franquicia que, de seguir o plan esperado, abrirán unha das súas franquicias en Ferrol esta mesma semana, máis concretamente no Peirao de Curuxeiras debido á súa gran afluencia turística.

“Ferrol, aínda que estea no norte e sexa sinónimo de frío, é unha cidade moi atractiva e con bastantes habitantes, pero demos o salto ao realizar un estudo de mercado e ver que non había unha xeadería que tratase o produto dunha forma natural como facemos nós”, explicaba José María Gil, un dos xerentes desta empresa familiar.

Tal e como indicaba José, para eles o xeado non é unha larpeirada senón un alimento e, como tal, debe ser tratado da mellor maneira posible, con produtos 100% naturais e sen ningún tipo de aditivo ou potenciador de sabor. “Nós tentamos utilizar os produtos quilómetro 0, de feito temos unha granxa nun pobo de Murcia onde producimos a nata coa que realizamos os nosos xeados, e cada 10 días baixamos a por ela e a por varios produtos como limóns cultivados por nós, todo froita de tempada”.

Non só xeados

“Dende a xeadería Cassata ofrecemos a maiores granizados naturais, todo tipo de cafés, bolería de alta calidade, smoothies de froitas, merendas doces, turróns coa nosa propia marca…un gran abanico de produtos pensando no mundo doce pero de alta calidade”, afirmaba José ao ser preguntado pola dispoñibilidade do negocio, xa que este permanecerá aberto en principio durante todo o ano.

Ademais, ao ser unha marca tan especializada non só ofertan xeado ao público, senón que tamén dispoñen de sabores verdadeiramente auténticos para proporcionárllelos a diferentes negocios do sector hosteleiro. “Dende xeados de queixos variados, pasando polo de Whiskey afumado ou de queixo fresco con marmelo, podemos facer prácticamente calquera sabor para o restaurante que o desexe”.

Unha novidade para todos os gustos

Tras ser preguntados polos prezos -de seguro que isto sí que lles interesa a todos- José afirmou que o prezo, ao contrario que a calidade, se axusta ao que un pódese atopar no mercado. “Os precios son competentes e moi variados, temos desde a terrina pequena por 2,30 euros ata o medio litro de xeado que alcanza os 8 euros.”

Finalmente, debido á situación de incertidume que estamos a vivir, comentou que a entrega a domicilio é unha opción, pero polo momento haberá que agardar. “A domicilio temos pensado vender pero seguramente comecemos o vindeiro verán. Aínda así, espero que a xente se anime a probar os nosos xeados e toda a variedade de alimentos que poñeremos a súa disposición”, remataba José. Así que xa sabedes fans deste manxar, hai que darse présa antes de que se derretan.

Salir de la versión móvil