Incertidume nas confrarías de Ferrolterra pola falta de recursos marisqueiros

Na última reunión coa consellería do Mar plantexaron realizar un parón biolóxico que permita reactivar os principais bancos de actividade

As confrarías de mariscadores de Ferrolterra estudan solicitar un cesamento de actividade para tentar optar a axudas que permitan paliar o escenario económico ao que se enfrontan pola falta de recurso nos bancos marisqueiros e a perda de socios que experimentan estas entidades.

Representantes destas confrarías de Ferrol, Barallobre e Mugardos, así comola alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro e o primeiro tenente alcalde, Guillermo Sánchez, e o alcalde de Fene, Juventino Trigo, reuníronse en Santiago este xoves coa conselleira do Mar, Rosa Quintana e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, para abordar a baixa produción de ameixa dos bancos marisqueiros.

Os patróns advirten de que a situación é crítica. Isabel Maroño, patroa da confraría de Ferrol, lembrou que levan moito tempo advertindo da falta de recurso de marisco e que “cada vez son máis os socios que se van” das entidades. “Vémolo todo un pouco cru, temos que esperar a ver como responden as demáis administracións e pensar onde imos traballar o próximo mes”, lamentou. Maroño dixo que as solucións da Xunta son a moi longo prazo e “non están a dar toda a efectividade” que quererían para a rexeneración da poboación.

A titular de Mar esgrimiu recou que o seu departamento fixo un investimento de máis de 752.000 euros para a recuperación dos bancos marisqueiros, para realizar arados para a osixenación do substrato, achega de áridos e un seguimento técnico sobre a produción de ameixas das diferentes zonas, ademais do control de depredadores.

Quintana asegurou que os responsables das confrarías son conscientes de que Mar está a facer todo ao que se comprometeu hai dous anos, pero recoñeceu que a poboación explotable non se atopa nos mellores índices na actualidade. Por iso anunciu que apoiará ao sector no caso de solicitar un cesamento de actividade, que lles permitiría acceder a axudas compensatorias por ese parón mentres se rexeneran os bancos. A patroa de Ferrol insistiu en que se non se concede o paro biolóxico explorarán “mobilizacións máis severas”.

Salir de la versión móvil