Longa vida: a tenda de roupa que é tendencia malia quebrantar modas pasaxeiras

Helga e Antía son as dúas responsables de esta iniciativa que busca darlle un novo uso a toda esa roupa esquecida no armario

Vivimos nun mundo as présas, onde moitas veces é máis importante facer as cousas nun prazo de tempo determinado que procurar a maior calidade posible. Un claro exemplo disto é a moda: un ir e vir de accesorios, complementos, todo tipo de pezas de roupa que hai uns anos ninguén se poñería e que hoxe volven a ser tendencia. Pode gustarche máis ou menos, pero non é o único que muta constantemente: os nosos gustos musicais, accesorios deportivos, todo tipo de aparallos eléctricos… Estamos sumerxidos nunha sociedade consumista e parece non haber volta atrás, ou tal vez si.

Longa vida á roupa

Helga e Antía son parella e comparten unha mesma iniciativa emprendedora dende que, un día calquera, probaron sorte nun dos moitos mercadillos que se programan na Praza Vella de Ferrol. “Levábamos de todo un pouco: antigos xogos de mesa, libros, diferentes obxectos que tes en casa e xa non utilizas. Pero sobre todo tiñamos roupa, moita dela regalada polos nosos familiares e outra que ambas as dúas xa non nos poñiamos”, lembraba Helga coa súa carismática voz ao pensar no comezo de Longa Vida, unha tenda de roupa en contra dos estilos e modas pasaxeiras, e que aposta por darlle un novo uso a aquelas pezas que temos esquecidas no máis fondo do noso armario.

De feito iba a quedar niso, nunha tarde de mercadillo onde gañarían uns cartos a cambio de darlle un atisbo de esperanza a aquela roupa sen dono, pero aproveitaron o confinamento xeral provocado pola crise sanitaria: “tiñamos unha chea de roupa e teas. Pensamos en ir facendo cousas, e logo veu o confinamento de sorpresa e deunos moito máis tempo para coser. Ao principio pensabamos en montar postos en mercadillos e festivais pero debido á aparición da Covid-19 apostamos por unha tenda dixital en Instagram”, e funcionou moito mellor do que agardaban.

 

Unha filosofía de vida

Ao preguntarlles pola orixe desta gran iniciativa, non o dubidaron un intre. “A orixe é o consumo responsable, a reciclaxe téxtil, é unha filosofía de vida. A todos gústanos a moda xa que é unha forma de expresión artística, pero neste momento está saturada con tanto consumo excesivo”. E a verdade é que moitos -por non arriscar a dicir todos- estamos na mesma situación. Temos quilos de roupa que non empregamos pero deixámola a un marxe por se algún día atopamos unha excusa para vestila, ata que chegan as rebaixas ou unha nova peza que nos entra polos ollos ata que, de súpeto, desvanécese por arte de maxia.

 

E coma se de magas se trataran, Helga e Antía son capaces de darlle vida a unha morea de farrapos cunhas puntadas de costura aquí e acolá, á vez que cosen un sorriso na faciana dos seus compradores. “Ao comezo era eu quen se dedicaba a preparar a roupa e Antía levaba as redes socias máis recolectaba tecidos que logo utilizabamos, pero con tantos pedidos agora unimos forzas e intentamos compaxinar ambas tarefas”. Dende Galicia a Madrid pasando por Asturias, reciben pedidos case a diario, onde incluso hai xente que lles solicitan encargos persoais, pero de momento non contemplan esta última posibilidadade.

 

Dende chaquetas desgastadas ata bolsos, pasando polo seu accesorio “top”, os turbantes. “A nosa roupa non está pensada para ningún xénero pois son unisex, aínda que é certo que entre as mulleres destacamos pola gran acollida dos nosos turbantes, xerou un “boom” nas nosas ventas”.

Un proxecto con futuro

Malia a comezar coma un hobbie, nin sequera elas mesmas pensaban que esta iniciativa iba ter tanta acollida. Ao preguntarlles polo futuro de Longa Vida non tiñan moi claro que vai suceder, pero o que poden asegurar é que non van a abandonar esta fermosa idea: “Ao comezo pensabamos máis en expoñer a nosa filosofía que en montar unha tenda, pero cos resultados obtidos estamos moi contentas. Seguiremos ampliando as nosas pretensións, pero de momento non sabemos se dar o salto e montar unha tenda física”.

Pase o que pase, elas teñen claro que o que fan non é unha moda pasaxeira, senón que naceu para quedarse un bo anaco máis. “Para nós é moi importante saber onde un gasta os seus cartos, é como unha forma de facer política. Nós defendemos o consumo responsable de roupa e o comercio local, e se ti pagas a alguén por estes servicios axudas a que o seu proxecto e ideais collan máis e máis forza. É moito máis importante do que parece”. Así que para a próxima, pensa dúas veces antes de mercar.

Salir de la versión móvil