O programa «Ferrol Cidade Viva» que o Concello puxo en marcha hai uns meses co obxectivo de dinamizar o comercio e a hostalería local, inicia a semana que vén a súa terceira liña de actuación.
Ademais de formación e asesoramento individualizado, os participantes no plan municipal preparan a seguinte fase, a gran promoción dos negocios locais coa que o Concello espera activar a economía da cidade, captar clientes e incentivar as ventas.
Unha nova aplicación cunha morea de vantaxes
María Teresa Deus, titular da concellería de Promoción Económica, encargada de deseñar o plan, lembrou esta mañá que a promoción terá lugar na cidade entre os días 7 de outubro e 4 de novembro e, para levala a cabo, o Concello habilitará unha aplicación que terá dobre uso.
Por unha banda, os emprendedores poderán coñecer mellor aos seus clientes, e pola outra e estes contarán cunha ferramenta na que consultar descontos, sorteos, premios, incentivos ás vendas cruzadas e incluso os puntos acumulados para beneficiarse de promocións co fin de incentivar o consumo.
Para acceder a ela, o cliente poderá utilizar un código QR que estará exposto nos establecementos participantes. Neste punto, María Teresa Deus explicou que «todo este proceso será moi sinxelo para así facer a campaña o máis accesible posible a toda a poboación».
Máis de 10.000 euros en premios directos
A concelleira anunciou que a campaña contará con grandes atractivos para os clientes, como o lanzamento de máis de 10.000 euros en premios directos entre as persoas que descarguen a aplicación.
Acumularán o 10 % do importe das súas compras realizadas nos establecementos participantes na promoción e unha vez comprasen en máis de cinco negocios e por un importe total superior a 100 euros, poderán trocar o seu diñeiro acumulado.
Ademais sortearse un Apple Watch entre as persoas que se baixen a nova aplicación e regalarase un iPhone SE a aquel cliente que merque en máis comercios durante a campaña. Todas estas «ambiciosas iniciativas», explica a concelleira, perseguen o fin de incentivar as compras ao tempo que «da a coñecer a calidade dos noso tecido comercial e hostaleiro».
Polo momento xa son máis de 50 os establecementos que participarán na gran promoción e o prazo de inscrición segue aberto no correo electrónico [email protected] e no número de teléfono 637 962 787.