Os contaxios continúan aumentando a un ritmo preocupante na área sanitaria de Ferrol. Os datos do Sergas indican que a zona ten a peor evolución de Galicia cunha razón de taxa (a comparación da incidencia a 14 días por 100.000 habiantes entre unha semana e a seguinte) de 2,5. Isto significa que a súa incidencia acumulada de contaxios a 14 días aumenta un 152% cada semana.
Máis aló das estadísticas, as cifras do Servizo Galega de Saúde cifran en 445 os casos activos actualmente na área sanitaria de Ferrol debido aos 52 novos contaxios rexistrados nas últimas 24 horas, onde tamén se deron 18 altas epidemiolóxicas. O total de veciños e veciñas contaxiados desde o inicio da pandemia nas tres comarcas é xa de 1.600, dos cales 1.119 persoas xa superaron o virus e 36 faleceron.
A presión hospitalaria tamén continúa aumentando no CHUF e son xa 29 as persoas hospitalizadas na sétima planta do Marcide con problemas respitatorios, mentres outras 4 permanencen na UCI cun diagnótico máis grave. O aumento de ingresos fixo que durante esta fin de semana se activase o plan de continxencia previsto polo CHUF, que é destinar progresivamente aos novos hospitalizados ao quinto andar do Marcide. En canto ás operacións, suspendéronse só algunhas programadas non oncolóxicas do luns e se manteñen aínda o resto de operacións programadas non oncolóxicas, as oncolóxicas e toda a cirurxía maior ambulatoria.
Nas últimas 24 horas tamén cambiou o mapa de risco epidemiolóxico nás comarcas. Según os parámetros do Sergas Ferrol, Narón e Fene, están no nivel máis alto de alerta, o vermello. No nivel 2 de alerta atópanse Neda e desde hoxe tamén Pontedeume, que aumentou nas últimas 24 horas. Mentres que Valdoviño, Cedeira, As Pontes e Ares (que entrou hoxe) están no nivel 1 ou amarelo, ao acumular entre 7 e 14 casos nos últimos sete días.