Mañá martes 22 comeza o Día sen Coches en Ferrol

As liñas de buses B,C,D e F serán completamente gratuitas ao longo de todo o día, e o tráfico rodado no barrio da Magdalena permanecerá pechado

O Goberno Local lembra que as liñas urbanas de transporte público B (Porto-Hospitais), C (Praza Vella-Caranza), D (Canido-Hospitais) e F (Canido-Praza da Graña) serán gratuítas ao longo do día de mañá como celebración do Día sen Coches.

Con esta medida, explicou o voceiro municipal, Julián Reina, “dende o Concello queremos estender á poboación o noso compromiso coa sensibilización sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche na cidade, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente”, así como incentivar uso de modos de transporte máis sostibles, como o público, e saudables como a bicicleta e os viaxes a pé.

Peche ao tráfico rodado no barrio da Magdalena

Esta medida é só unha das postas en marcha polo Concello, posto que tamén mañá martes, as rúas da Magdalena estarán pechadas ao tráfico rodado excepto para residentes e servizos públicos. Reina explicou que as restricións ao tráfico rodado de mañá supoñen unha “simulación” do plan de Mobilidade para o centro da cidade no que traballa o Concello de Ferrol.

Actividade coa que reforzar as andainas pola cidade

Ademais, o Concello de Ferrol iniciou un programa de actividades na Aula de Ecoloxía Urbana, no Cantón de Molíns, que inclúe a elaboración de planos Metro-minuto personalizados, nos que figuran os lugares dende os que se desprazan os participantes de xeito habitual e os seus destinos.

Dado que Ferrol é unha cidade pequena, dixo Reina, o obxectivo da actividade “é concienciar á poboación sobre os beneficios dos desprazamentos a pé ao tempo que se lles mostra que a maior parte dos percorridos diarios son curtos e é factible realizalos camiñando”.

Os interesados en participar poden inscribirse a través do correo electrónico aeu@ferrol.es ou ben chamando ao teléfono 981 944 222. As actividades se levan a cabo ata mañá, día 22, de 11 a 12.30 horas e de 16.30 a 18 horas. Tamén desde a Aula de Ecoloxía Urbana elaborouse un vídeo divulgativo sobre a mobilidade urbana sostible e as súas vantaxes.

Salir de la versión móvil