Marionetas e contacontos encargaranse de alegrar esta fin de semana a ruta a San Andrés de Teixido

"Polo Camiño" é o programa cultural creado polo Concello de Valdoviño para dinamizar esta ruta de perenigración antes do inicio do Xacobeo 2021
14-1-800x445

O programa cultural «Polo Camiño», creado polo Concello para poñer o foco na ruta a San Andrés de Teixido mediante diversos espectáculos, completarase esta fin de semana con sesións de contacontos e marionetas. As invitacións para asistir ás actuacións destinadas aos máis novos poden retirarse na Casa da Cultura ata este mércores 30 de setembro.

As novas propostas incluídas no programa municipal, enmarcado no proxecto Cultura no Camiño +, que patrocinan Gadis e Xunta de Galicia para dinamizar as distintas rutas de peregrinación antes do inicio do Xacobeo 2021, localizaranse en dous dos puntos con máis sona da ruta a Teixido: a capela da Fame e Porto do Cabo.

Programación cultural

Así, Raquel Queizás chegará este sábado, a partir das 13.30 horas, con «O eco das pedras» ao campo que rodea á capela da Fame, no lugar de Liñeiro -Vilarrube-. Trátase dunha obra de narración oral, que busca que os nenos e nenas coñezan un pouco máis do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia e que redescubran os petróglifos.

Ao día seguinte, domingo, a partir das 18.00 horas, Teatro Marionetas Trécola actuará xunto á capela de Porto do Cabo. A compañía, xurdida en 1981 para recuperar a tradición dos monicreques de fíos en Galicia, porá en escena «Gaela quere ser druída». A obra está centrada na difícil loita pola igualdade da protagonista, unha nena celta, empeñada en demostrar que ela pode ser o que desexe.

Medidas preventivas

Desde o Concello sinalan que as persoas que queiran asistir a estes espectáculos poden recoller as súas invitacións na Casa da Cultura de Valdoviño, dende hoxe e ata este mércores, en horario de 11.00 a 14.00 horas. O aforo nos dous casos será limitado para garantir que se mantén a distancia de seguridade e, durante a función, será obrigatorio usar máscara. Finalmente, dende Cultura recomendan chegar dez minutos antes do inicio das actuacións para facilitar a acomodación do público.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.