O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, visitou esta mañá as sedes dos ministerios de Traballo, Industria e Transición Ecolóxica para manter reunións coa ministra Yolanda Díaz e diferentes altos cargos. Ás citas asistiu acompañado polo secretario xeral da Federación de Industria de CC.OO. en Galicia, Víctor Ledo. A viaxe de Mato a Madrid —inscrita no acordado na mesa de alcaldes e axentes sociais que se constituíu o pasado xaneiro—, tiña como obxectivo trasladarlle ao Goberno central distintos asuntos relacionados coa reactivación industrial e económica de Ferrolterra, entre eles, a necesidade da construción dun dique cuberto no estaleiro, a diversificación cara a sectores como a eólica (tanto terrestre coma mariña) e o impulso da Fábrica de Turbinas.
A ministra de Traballo aseguroulle que, como boa coñecedora das circunstancias que padece Ferrol, fará todo o que estea na súa man para trasladarllas ao distintos ministerios, porque este, dixo, é un problema “de Goberno” que debe ter unha solución interministerial.
Durante a reunión cos responsables de Industria, o alcalde trasladoulles a preocupación existente en Ferrol e a súa comarca pola perda de tecido empresarial que se está a experimentar nos últimos tempos, debida, entre outros factores, á decisión de Endesa de pechar a produción eléctrica con carbón, á diminución da carga de traballo nos estaleiros da ría e á deslocalización de certas industrias. Como posibles solucións a ese grave problema, Mato formuloulles unha serie de propostas para a reactivación industrial de Ferrolterra.
Un eixo destas demandas é o naval. O rexedor destacou a importancia de Navantia como motor económico de toda a zona, que se debe consolidar a través dun urxente desenvolvemento do estaleiro 4.0. Recentemente a SEPI aprobou o taller de subbloques, pero queda pendente buscar o financiamento para a construción do dique cuberto, unha peza crucial para o proceso de adaptación tecnolóxica, a redución de custes e o incremento da competitividade das instalacións. Tamén reclamou unha potenciación da área de Reparacións —na liña do que se vai producir proximamente coa renovación de varios transatlánticos— e da Fábrica de Turbinas, unha unidade que para o alcalde debe, ademais de construír dispositivos navais, aproveitar o seu potencial para abordar de forma competitiva procesos relacionados coa transición enerxética, como a coxeneración, a eólica terrestre, a incorporación de turbinas de gas e o mantemento de centrales.
Contrato ponte ata a chegada das F-110
Dúas cuestións clave das que se falou durante o encontro foron a necesidade dun contrato-ponte que sirva para cubrir a falta de carga de traballo entre a entrega dos buques para a Armada australiana e o comezo do programa de fragatas F-110, previsto para o 2022, e a incorporación de traballadores a Navantia prevista no Plan Estratéxico da empresa. Para Ángel Mato, estes meses que quedan por diante son cruciais á hora non só de consolidar os cadros de persoal do estaleiro ferrolán e das empresas auxiliares, senón tamén para atallar o estado de incerteza que está a padecer a sociedade ferrolá.
Mato explicou tamén a importancia de que os ministerios, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña vaian da man para aproveitar todo o potencial formativo, as infraestruturas de investigación existentes na cidade —ligadas á Xunta e á Universidade— e o tecido industrial ferrolán para promover proxectos de innovación edesenvolvemento tecnolóxico centrados na colaboración público-privada. Nese senso, indicou que se debería desenvolver un centro tecnolóxico na cidade. O obxectivo é a dinamización dos sectores produtivos actuais e a implantación de novas empresas ligadas, por exemplo, á enerxía, á metaluxía e a montaxe, á moda, ou á tecnoloxía.
Estas foron, segundo explicou o alcalde despois dos encontros desta mañá, as primeiras dunha serie de entrevistas que continuarán nas próximas semanas. Polo momento, Mato ten pechadas citas coa titular do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a vicepresidenta Teresa Ribera, e con responsables dos departamentos de Facenda e de Fomento.