Moeche prevé reabrir o mercado dos sábados o 16 de maio

A previsión do goberno local é que as feiras mensuais do 11 e do 23 poidan retomarse en xuño

Os mercados dos sábados que se celebran na antiga nave dos queixos de San Ramón poderían retomarse o próximo 16 de maio. Esa é a intención do Concello de Moeche tendo en conta que nesta datas, durante a fase 1, se autorizan as celebracións de mercados de proximidade.

Ademais, o goberno de Beatriz Bascoy contactou cos vendedores e todos están de acordo en reiniciar o mercado tan pronto como sexa posible e sempre garantindo as medidas preventivas e de hixiene, sobre todo as referidas ao distanciamento social. Para iso o espazo dispoñible ampliarase a toda a superficie do recinto e, polo momento, só acudirán os expositores de produto agroalimentario.

Por outra banda, o Concello tamén agarda poder reiniciar proximamente as feiras do 11 e do 23, aínda que para iso cumprirá unha planificación maior e un cambio na normativa autonómica, que neste intre só permitiría a venda de produtos agrarios ou gandeiros -nada de roupa, madeira, utensilios ou calzado-, cunhas distancias entre postos de ata seis metros e con limitación de aforo. Estímase que as feiras mensuais poderían volver no mes de xuño pero, en calquera caso, a data concreta comunicaráselles aos postos habituais e será preciso coordinar o reinicio coa Garda Civil para garantir o cumprimento das medidas de seguridade.

 

Salir de la versión móvil