O castelo de Moeche garda desde o pasado martes 15 de setembro unha pequena parte da súa historia. E é que na sala de exposicións do Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas xa se poden ver algúns dos obxectos recuperados nas escavacións desenvolvidas na década dos 90 ata ben entrado o século presente.
Varios fragmentos de cerámica e louza acompañados de dúas moedas con máis de 500 anos de antigüidade son as pezas de grande valor histórico que agora retornan á casa para seren exhibidas, como mínimo, durante os próximos dous meses. A exposición trátase dunha cesión temporal dos fondos gardados no Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña aínda que o Concello non renuncia a que a mostra poida ser permanente.
6 pezas históricas cun valor incalculable
Exactamente son un total de seis as pezas que le proporcionan ao Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas unha relevancia secular nestes dous meses: anacos de dúas xerras, un fragmento dunha pequena ánfora e dúas moedas, unha de dous marabedís do Reino de Castela do século XV e outra dun ceití portugués da mesma época.
O técnico de Turismo, Ramón Carballeira, destacou o valor das pezas cerámicas procedentes de moi distintas épocas: «Poderémonos atopar cunha xerra baixomedieval feita en cerámica ocre -ss. XV a XVII-, pasando por outra xerra de cerámica gris ou cerámica moderna -ss. XVI a XVIII-, ata chegar á louza, unha cerámica vernizada -ss. XVII e XIX- na que se fixo un traballo decorativo moi importante e con moitas semellanzas coa cerámica de Sargadelos. Finalmente tamén temos restos dunha anforeta de indias, usadas no comercio entre a metrópole e as colonias de América para transportar aceites, viños e incluso especias”.
E, compartindo espazo expositivo, as dúas moedas. Son pouco máis grandes ca un botón e o paso do tempo case lles borrou a cara e maila ceca. Porén, pódese apreciar varios detalles significativos como na de dous marabedís do Reino de Castela, a cal é de acuñación galega debido ao león rampante coroado co gravado dunha vieira atopada no seu reverso, sinal inequívoco de que saíu da fábrica de moeda da Coruña entre 1431 e 1504. A moeda dun ceití é a máis antiga de todas cantas se atoparon no castelo e acuñouse entre 1438 e 1481, etapa correspondente na súa maioría ao reinado de Afonso V de Portugal.
Unha exposición efímera
A estadía destes obxectos vai ser, en principio, temporal. Trátase dunha cesión que requiriu autorizacións da Xunta e tamén a subscrición dun seguro ante eventuais danos ou subtraccións que poidan sufrir as pezas.
A mostra permanecerá en Moeche até o 15 de novembro e pode visitarse nos períodos de apertura habituais da fortaleza, que manterá o horario de verán até mediados de outubro: de martes a venres de 11.30 a 13.30 horas e de 16.30 a 19.30 horas, mentres que as fins de semana e festivos o horario de apertura amplíase de 11.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.00 horas.
Segundo engade Ramón Carballeira, a intención municipal é «tentar que polo menos unha parte do que temos aquí quede de forma permanente», aínda que para iso fará falla contar coa colaboración do Museo Arqueolóxico e, ademais, levar a cabo unha serie trámites máis longos, «pero imos tentalo”, conclúe Carballeira.