A Deputación creará en Moeche un Centro Comarcal de Apoio ao Desenvolvemento Rural

Busca converter as instalacións nun punto de transformación alimentaria dirixido principalmente á pequena produción agropecuaria

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade un convenio co Concello de Moeche para financiar as obras de acondicionamento dunha nave municipal e transformala nun Centro Comarcal de Apoio ao Desenvolvemento Rural que no futuro se integrará na Rede Provincial de Espazos de Coworking da institución provincial

A Deputación financiará o proxecto cunha achega de 103.545,99 euros, que supoñen o 66% do custe; mentres que o Concello de Moeche achegará o 34% restante.

O obxecto das obras e rehabilitar e acondicionar unha nave en desuso no recinto feiral municipal e urbanizar a súa contorna para transformala nun centro comarcal de traballo colaborativo orientado á elaboración, transformación e venda de produtos agroalimentarios. O novo centro dará servizos a pequenos produtores locais dos concellos de Moeche, San Sadurniño, Valdoviño e Cerdido, axudándolles a crear máis valor para os seus produtos.

Transformación alimentaria de produtos locais

As obras consistirán en adecuar a nave ás necesidades dun centro de transformación alimentaria de nivel comarcal, constituíndo así un complemento ás actividades que se veñen realizando no recinto ferial. Trátase de apoiar o desenvolvemento dos pequenos produtores da zona que, contando con pequenas cantidades de materias primas de grande calidade, precisan poder comercializalos en condicións adecuadas. A nova instalación distribuirase en tres grandes zonas, unha zona central de servizos comúns, unha zona para obrador hortofrutícola e outra zona para obrador de mel.

 

César Galdo

Con esta iniciativa, a Deputación da Coruña e o Concello de Moeche pretenden promover a sustentabilidade económica, social e ambiental da comarca; diversificar a economía de base local e apostar pola recuperación do sector primario. O centro servirá ademáis para dar viabilidade a moitas pequenas explotacións agropecuarias e a pór en valor a calidade dos produtos autóctonos da horta e do campo, que contarán con todas as garantías hixiénicas e sanitarias esixidas pola normativa vixente.

A creación deste centro, resposta a unha demanda reiterada por parte dos diferentes sectores de produtores e das diferentes asociacións, debido ás dificultades coas que se atopan á hora de engadir valor aos seusprodutos debido ao tamaño reducido da meirande parte das explotacións, ao déficit de capacitación e formación no propio sector, e á escaseza de recursos para investimentos de mellora das pequeñas explotacións.

Salir de la versión móvil