Moeche activa o protocolo tras confirmarse o primeiro caso de coronavirus na vila

O Concello activou a trazabilidade dos seus movementos para alertar ás persoas que puidesen ter contacto con el

As autoridades sanitarias confirmaron onte a detección dun caso de coronavirus en Moeche. Trátase dun home de idade avanzada que acudiu a unha cita concertada no Centro de Saúde por mor de problemas abdominais que viña arrastrando desde hai tempo. Debido a eses problemas, desde o centro médico recomendouse o seu traslado ao CHUF Arquitecto Marcide, onde as probas que se fan por protocolo detectaron que, ademais, tamén estaba infectado por coronavirus, polo que está sendo atendido en planta e en rexime de illamento.

O home vive só nun lugar sen casas próximas, válese por si mesmo e, segundo confirmou un familiar, fai  pouca vida social en Moeche. Tan pronto como se confirmou o seu positivo por coronavirus, os responsables do Centro de Saúde ordenaron a desinfección do interior das instalacións, mentres que o Concello colaborou na hixienización do exterior e das vías de acceso.

Ademais tamén se lle ofreceu colaboración ao SERGAS para trazar os desprazamentos que fixo o afectado nos últimos días, co obxectivo de comunicarlles a todas as persoas que puidesen ter contacto con el a necesidade de extremar as precaucións e de que inicien de inmediato unha corentena domiciliaria.

Por outra banda, o Goberno local tamén lle pediu á Xerencia da Área de Ferrol información detallada sobre os protocolos de protección na residencia xeriátrica O Casón, onde o Concello fixo hai uns días unha desinfección exterior e onde, de momento, non hai constancia de ningún positivo.

Salir de la versión móvil