Moeche aproba un orzamento municipal superior aos 2,2 millóns de euros

Os investimentos suporán 734.950,00 euros, un 33% do total, mentres que as taxas ao veciños seguen conxeladas
Moeche, ayuntamiento_dic14 (1) (1)

O Pleno municipal aprobou co voto favorable do grupo municipal do BNG e a abstención do Grupo Municipal do PP, o orzamento xeral do presente exercicio por importe de 2.214.400,00€, o que supón un incremento inicial dun 4,47% respecto ao ano anterior. O documento presentado polo Goberno municipal recolle uns gastos e ingresos «equilibrados» cos que o Executivo local busca a «eficiencia e a eficacia na xestión municipal», ademais de «garantir e consolidar» a progresiva ampliación dos servizos, nomeadamente na área de Benestar Social, así como o capítulo de investimentos e a atención a demandas recollidas nas asembleas participativas. Nesta mesma semana o orzamento terá un incremento de 208.400.93 euros pola incorporación de remanentes destinados a investimentos.

O Concello presenta un incremento do orzamento «sen que isto supoña, xa desde hai oito anos,  a suba dos impostos como IVTM, IBI ou IAE nin as taxas como a auga ou o lixo. É máis, nestes últimos anos introducíronse bonificacións no IBI que supoñen importantes aforros para as familias», asegura a rexedora, engadindo que neste tempo só se incrementaron lixeiramente algúns prezos públicos de determinadas actividades deportivas ou servizos culturais. Os ingresos estimados por estes conceptos supoñen o 27,44%.

A dotación para axudas a entidades asociativas, familias e outras continxencias, supón un total de 50.600 euros, unha contía lixeiramente superior á de 2022 (un 3,27% máis). Este capítulo, – transferencias correntes- inclúe as axudas por estudos e transporte, a entidades asociativas sen ánimo de lucro, unha nova liña de axudas a persoas vulnerables para facerlle fronte ao consumo enerxético, e os convenios con diferentes entidades como a Escola de Fútbol Irmandiños, ADC Moeche, Escudería Moeche, Club de Montaña de Moeche e A.C. Irmandiños de Moeche, destinadas «á organización de actividades singulares ou o mantemento de instalacións cedidas».

No apartado de investimentos reais aprobouse un total de 734.950,00 euros, financiados con transferencias de fondos doutras administracións e con recursos propios. A cifra é  33,19% do total dos orzamentos e na relación de obras e subministracións que se van executar ou se estan executando, cómpre destacar a inclusión da construción das beirarrúas en diferentes zonas de San Ramón, en Abade, a ampliación da rede de auga en San Xoán e Santa Cruz, os novos puntos de captación de auga, a mellora da iluminación do pavillón polideportivo, a instalación de válvulas redutoras de presión de auga, a mellora e adecuación das beirarrúas na zona da Casa Niño e Casa do Maior, a adquisición de terreos, ou da nova iluminación da estrada provincial do tramo da Casabranca, un proxecto para o que foi denegada a axuda pola Dirección Xeral de Administración Local e agora acordouse incluíla nos fondos achegados pola Deputación da Coruña no POS+ para garantir a súa execución; así como varias actuacións na rede viaria municipal das cinco parroquias.

 

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.