Moeche empeza a distribuír mascarillas lavables entre a veciñanza

Inicialmente unha por cada domicilio que o solicite, con posibilidade de incrementar o seu número na medida en que vaian chegando existencias
Bea Bascoy
Bea Bascoy

O Concello de Moeche comezou onte o reparto de mascarillas entre a poboación local de cara a incrementar no posible a prevención de contaxios do coronavirus. Están feitas en tea lavable (a máis de 60 graos) para poder usalas máis dunha vez e dispoñen de espazo para colocarlles un filtro plástico ou doutro material.

Varios grupos de costura do municipio e tamén entidades e empresas doaron un total de 425 máscaras que «se ben non están homologadas, si poden mitigar a posibilidade de infección nun momento en que non hai suficientes existencias no mercado», explicando dende o Concello.

Estes elementos de protección xa empezaron a distribuírse entre as persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar e a intención municipal é achegar alomenos un por domicilio para que poida ser empregado, por exemplo, por quen deba saír facer a compra ou calquera outro desprazamento imprescindible.

Para solicitar unha destas mascarillas débese chamar ao teléfono do Concello -981 404 006- en horario de mañá ou ao móbil do programa de axuda, 639 417 975, entre as 09.20 e as 18.30h. Tamén se poden pedir a través das entidades veciñais e será o propio consistorio quen as entregue de balde en cada domicilio, con posibilidade de que se incremente a cantidade dispoñible nos próximos días.

Segundo explica a alcaldesa Beatriz Bascoy, as máscaras de uso sanitario «están practicamente esgotadas e as que quedan deben destinarse  ao persoal sanitario ou, no caso do Concello,  ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar e persoal de recollida de lixo». Tal e como insiste a rexedora, «entendemos que á veciñanza tamén se lle debe facilitar algún tipo de protección. As máscaras de tea de algodón e lavables non son  de uso sanitario e non están homologadas,  pero son unha opción para mitigar o contaxio e protexer».

Veciño recuperado

Moeche tamén viviu hoxe unha boa nova co regreso ao seu domicilio do home que dera positivo por coronavirus o pasado 26 de marzo. Como se recordará, o home de idade avanzada foi trasladado de urxencia ao CHUF Arquitecto Marcide por outra doenza e foi alí onde se lle detectou que, ademais, tamén estaba contaxiado do virus.

Os servizos médicos déronlle a alta e, segundo informa a familia, encóntrase no seu domicilio, está ben de saúde e gardando a preceptiva corentena de 14 días.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.