As áreas de Cultura e de Desenvolvemento local do Concello de Moeche teñen en marcha desde hai semanas o proxecto de creación artística “Moeche, terra de feiras”, a través do que se propón achegar pinturas, debuxos, microrrelatos ou pequenas poesías. A finalidade é dobre: por unha banda renderlle un certo tributo aos eventos feirais que se desenvolven no concello ao longo do ano e, por outra, levar a cabo unha iniciativa de lecer activo mentres dure o confinamento obrigado por mor do coronavirus.
Ademais destes dous obxectivos, tamén pretende fomentar “a creatividade e a imaxinación”, tal e como se sinala nas bases publicadas polo Concello onde se establece que o último día para presentar os traballos é este xoves 30 de abril. Hai que envialos a concellodemoeche@gmail.com e no asunto do correo debe incluírse a frase “EXPOSICIÓN FEIRAS” e no texto farase constar o título da obra, o nome completo e o DNI da autora ou autor.
Tan pronto como se desactiven as medidas sanitarias do Estado de Alarma -e as que poidan vir despois para evitar rebrotes do coronavirus-, cada participante deberá entregar a súa obra orixinal na Casa do Concello dentro dun prazo que se publicará, chegado o momento, nas redes sociais e na web municipal. Todas as obras presentadas que cumpran coas bases formarán parte da primeira exposición temporal que se faga no Castelo de Moeche unha vez reabra as súas portas.