O Xeoparque do Cabo Ortegal presenta oficialmente a súa candidatura ante a UNESCO

Unhas das principais bazas é que o complexo é o maior e mellor mostrario de eclogitas do mundo, un tipo de rocas que habitualmente se atopan a máis de 70 quilómetros de profundidade
XCO-105-1-LITORAL-DE-LOIBA-web1279x1920H80-ovawr60jo8wa58cakqtglpb6qkd6pbc0g5mfd7iupo

A Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal presentou oficialmente este luns a súa candidatura ante a Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO, o órgano que se encarga de avaliar todas as propostas recibidas cada ano e de decidir cales continúan camiño para optar ao selo Global Geopark outorgado polas Nacións Unidas. Unha candidatura que conta co aval da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, dos sete municipios impulsores e doutras entidades.

O proxecto foi presentado ofialmente no mes de maio e agoro o que se fai é postular oficialmente o territorio enviando os documentos técnicos e a información completa sobre o xeoparque. O dossier recolle todos os datos sobre os recursos e a estratexia de desenvolvemento territorial que se quere poñer en práctica co futuro xeoparque, condensada en 51 páxinas redactadas polo geólogo Francisco Canosa, a arqueóloga Vanesa Trevín, a bióloga Efigenia Penabad e o técnico de Desenvolvemento local e xeógrafo Ignacio Fernández. Nel se incide na riqueza xeolóxica dun territorio de 630 quilómetros cadrados no que se identificaron máis dun centenar de recursos de interese científico, educativo e turístico, varios deles únicos e de relevancia internacional.

A Comisión analizará en detalle toda a información facilitada. Pero non será a única, xa que este ano hai outras dúas candidaturas situadas en territorio cántabro. O detalle ten a súa importancia, debido a que en cada estado só pódense preseleccionar dúas candidaturas ao ano como máximo.

O próximo día 29 de setembro vaise defender a candidatura ante a Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO, posiblemente videoconferencia. Nela o proxecto do Cabo Ortegal fará valer o seu plan de desenvolvemento socioeconómico vinculado coa educación e o turismo pero, sobre todo, o feito de que o propio complexo xeolóxico é o maior e mellor mostrario de eclogitas do mundo, un tipo de rocas que habitualmente se atopan a máis de 70 quilómetros de profundidade e que aquí se poden ver a simple vista.

Trátase dunha peculiaridade recoñecida desde hai varias décadas pola ciencia, ademais de ser unha baza fundamental para obter o selo de Global Geopark que, entre outras condicións, esixe que as formacións xeolóxicas teñan un carácter único ou excepcional, como é neste caso.

Plans de Sostenibilidade Turística en Destinos

A Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal tamén solicitou acollerse á convocatoria de axudas de Turismo de Galicia para o desenvolvemento de programas de sustentabilidade turística en destinos, co obxectivo de promover accións que lle dean resposta á crise sanitaria na liña de recuperar, manter e atraer demanda turística.

A convocatoria ten un orzamento de 3 millóns de euros destinados a dous tipos de plans: un para entidades locais que xestionen destinos de sol e praia e cidades turísticas maiores de 20.000 habitantes, e outro -ao que se presenta o Cabo Ortegal- para plans de sustentabilidade turística en destinos rurais ou de interior, sempre que se trate de municipios individuais menores de 20.000 habitantes, comarcas que non superen os 70.000, comarcas coincidentes on espazos naturais protexidos ou zonas costeiras rurais afectadas polo declive demográfico. Tamén se admiten propostas de redes de territorios rurais cun nexo de unión polo recurso ou polo produto turístico que compartan, neste caso o proxecto do geoparque.

Os plans de sustentabilidade turística en destinos rurais ou de interior poderán desenvolverse durante un máximo de 3 anos cun orzamento global para todo o período de ata 3 millóns de euros, cofinanciados entre un 40 e un 45% pola Secretaría de Estado de Turismo, noutro 40-45% por Axénciaa Turismo de Galicia e nun 10-20% pola entidade beneficiaria das axudas, que deberá levar a cabo as accións en colaboración co sector privado.

Relacionadas