Os veciños das parroquias de Santa Cruz e Labacengos, en Moeche, atópanse intranquilos dende fai uns meses polos continuos ataques de lobos aos seus animais. Explican que a presenza destes depredadores é cada vez máis habitual e que, incluso, pódense ver polo día preto das casas. Aínda que esta situación vén de lonxe, apuntan a que no último mes e medio a problemática é maior.
O ataque máis recente foi a un poni na parroquia de Santa Cruz a pasada semana. Nesta zona, algúns veciños viron durante este mes de abril manadas de tres e catros lobos a plena luz do día polas fincas, non moi lonxe das casas. Ante esta situación, moitos dos que teñen explotacións gandeiras decidiron soltar os mantíns día e noite para protexer ao gando.
Tal e como insisten os veciños destas parroquias, a situación non é nova, xa que en febreiro os lobos comeron un becerro e en xaneiro unha ovella, pero agora, con menos xente e actividade nas leiras, «campan as súas anchas a calquera hora do día». Por eso, piden á Xunta que tome carta neste asunto e poña os medios necesarios para previr estes ataques.