A próxima fin de semana a nave do Mercado de Moeche encherase cos aromas, sabores e texturas do queixo, produto ao que se lle adica a quinta edición dunha feira monográfica xa consolidada como referente comercial e gastronómico do circuíto agroalimentario galego.
A V Feira do Queixo de Moeche desenvolverase durante toda a xornada do domingo 15 de marzo ofrecendo, ademais, unha chea de actividades complementarias dentro do programa, entre elas o concurso de receitas, as catas comentadas, obradoiros para a rapazada, múxica, maxia e incluso visitas guiadas e gratuítas ao castelo de Moeche.
Este ano confirmaron a súa asistencia 44 postos dos que 33 terán á venda queixos de todas as clases e outros transformados lácteos. De novo estarán presentes as denominacións de orixe galegas xunto coas especialidades chegadas doutros puntos do Estado e do mundo, como é o caso dos queixos asturianos -entre eles o Gamonéu-, os procedentes de Castela-León, os italianos, suízos e franceses e, por último, o queixo vasco de Idiazábal, que acode a Moeche como D.O. convidada na presente edición.
Entre a oferta galega, que estará formada por 15 variedades, haberá alomenos sete queixos premiados, tanto representativos das denominacións de orixe como novas especialidades que apostan por diversificar sabores partindo de leites de vaca, cabra e ovella da máxima calidade.
Para público adulto organizáronse dúas catas comentadas, unha ás 12.00 horas e outra ás 13.00 horas, con 20 prazas dispoñibles en cada unha delas. Degustaranse catro queixos acompañados de viño, ao tempo que se descubrirán os seus matices con axuda do experto Alejandro Montes, da Queixaría Valladares de Vigo. O prezo da participación nas catas son 5 euros e deberase reservar antes do comezo de cada sesión.
Concurso de receitas
Outro dos referentes da feira será o concurso de receitas, no que se premiarán os dous mellores pratos salgados e doces que teñan o queixo como ingrediente principal en calquera variante -fresco, cremoso, semicurado, curado, etc.-. O xurado valorará de 0 a 5 o sabor, a presentación, a orixinalidade da proposta e a relevancia do queixo no conxunto.
Os galardóns consistirán nun paquete turístico e unha figura para os dous pratos ganadores e un lote de produtos da feira e un diploma para os segundos clasificados en cada categoría. As persoas que queiran participar deberán achegar as súas creacións entre as 11.30 e as 12.00 horas e só por achegar un prato xa levarán un pequeno agasallo. As bases poden descargarse desde aquí.
O programa da V Feira do Queixo de Moeche completarase con outras actividades de animación do evento. O dúo Tonichi & Pacheco actuará ás 13.30 e ás 16.30 horas. Polo medio e xusto antes da clausura, ás 14.00 e ás 18.30 horas, faranse dous sorteos de lotes de produtos da feira.
Discussion about this post