A Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia costeará o plan director para a vila romana de Noville. O plan director será elaborado pola empresa Trivium, tendo como obxectivo dotar de planificación estratéxica a xestión ordinaria do núcleo arqueolóxico de Noville, cunha folla de ruta que propoña uns plans estratéxicos e accións concretas.
Vila romana de Noville
O papel clave desempeñado ao longo da historia xunto coa súa excepcional situación xeográfica, fan do núcleo de Noville un recurso de primeira orde que pode axudar a crear dinámicas socio-turísticas complementarias, e xerar oportunidades culturais e económicas para todo o concello.
O primeiro paso consistirá na roza das parcelas nas que se atopan os restos, para o que xa se conta coas autorizacións de todos os propietarios. Desde a concellería informan tamén que xa se está a traballar nun plan para 2021 no que se logre localizar e negociar a adquisición das parcelas nas que se atopa o xacemento e anexas, o que permitiría seguir coas catas co obxectivo de atopar novos restos.
Un enclave turístico
A vila marina romana competa de Noville (Mugardos), habitada entre los séculos III e IV d. C. é un dos xacementos romanos de maior relevancia da provincia da Coruña. A súa excavación, dirixida por Fermín Pérez Losada entre os anos 1988 e 1989, supuxo un fito no coñecemento deste tipo de establecementos na Gallaecia romana. De feito os distintos métodos de intervención arqueolóxica empregados no seu estudo permitiron coñecer de forma case integra a planta dun edificio que pertenceu á «pars urbana» da vila.
É por este anaco de historia que garda Noville que dende o goberno local queren aproveitalo como unha oportunidade para impulsar o turismo no municipio, e tal e como sinalou a concelleira Begoña Roldós, sería un tipo de «turismo non masificado, pero que encaixa cos nosos obxectivos e cos recursos únicos cos que conta Mugardos. Non ten sentido traballar no desenvolvemento de propostas de conservación do patrimonio e non unilo á súa posta en valor e ao turismo».