Dúas xoias arquitectónicas de Mugardos e Ortigueira, na lista vermella do patrimonio

A asociación Hispania Nostra, encargada de elaborar unha listaxe con elementos patrimoniais en estado de abandono ou destrución, acaba de incluir a Casa da Sirea de Mugardos e a capela de San Xoán de Mosteiro, de Ortigueira

A asociación Hispania Nostra, é a encargada de elabora a Lista Vermella do Patrimonio (www.listarojapatrimonio.org), no que se inclúen aqueles elementos do Patrimonio Cultural Español que se atopen sometidos a risco de desaparición, destrución ou alteración esencial dos seus valores, ao obxecto de dalos a coñecer e lograr a súa consolidación ou restauración. Este mes vén de incluir dúas edificacións da comarca de Ferrol e do Ortegal.

O primeiro deles é a Casa da Sirena, un edificio singular do século XVI que se sitúa no Cantón de Cora, en pleno paseo marítimo da vila de Mugardos. O inmoble atópase en mal estado de conservación. O interior atópase totalmente arruinado, perdéndose a distribución interior orixinal.

O edificio que chegou aos nosos días consiste na porción dun pazo de tipo urbano. O edificio orixinal habería contado con tres volumes, dous laterais máis amplos e un central máis estreito, o cal está rematado polo escudo heráldico da casa dos Mariño, que aínda se conserva hoxe en día. A planta sería simétrica, ordenada respecto a un eixo, coincidente coa posición do escudo.

Actualmente, o corpo oeste desapareceuse, construíndose, no seu lugar, un taller de maquinaria nos anos 40. Ademais, froito de varias reformas levadas a cabo a principios do século XX, a Casa da Sirena conta con elementos alleos á construción orixinal; entre eles destacamos, tanto un portón nun dos laterais, como a propia cuberta, levantada sobre muros de ladrillo.

Os muros que se conservan están construídos en pedra de cantería de granito, con elementos ornamentais nos recercados dos ocos e a cornixa. A fachada principal conta cunha serie de xanelas, algunhas das cales puideron dispoñer de balcóns. O escudo nobiliario mencionado anteriormente, pertence á liñaxe dos Mariño, e conta coa representación dunha sirena suxeitando un peixe; este elemento é o que dá nome ao edificio

San Xoán de Mosteiro

O outro monumento coruñés en incorporarse á Lista Vermella é a capela de San Xoán de Mosteiro, nos montes de Ou Espiño en Ortigueira. Actualmente atópase en desuso e o seu abandono motivou o traslado de altares e imaxes a outras igrexas próximas. Atópase en estado de abandono e ruína inminente, con caída de muros e cuberta, desaparición de frescos e invasión de vexetación. Todo iso, consumido polo abandono e o esquecemento.

Trátase dunha Igrexa parroquial do século XVIII dunha única nave e ábsida rectangular. Posúe un pórtico de pedra que resgarda a entrada e unha espadana de granito na fachada principal. Cuberta de madeira vista con artesonado e restos de frescos no altar maior. Arco de medio punto con decoración de bólas no presbiterio. Sancristía anexa e atrio circundado por un muro de pedra.

 

Salir de la versión móvil