Mugardos aproba unha nova ampliación de crédito para pagar facturas atrasadas

O executivo local traballa para sacar adiante os orzamentos do presente exercicio

O Concello de Mugardos aprobou onte unha nova ampliación de crédito por máis de 200.00 euros. Este recoñecemento extraxudicial de crédito (REC) recolle facturas de servizos municipais -como telefonía, intenet ou correos- que corrían o risco de seren cortados polos proveedores por falta de pago, así como de actividades realizadas fai meses e cuxas facturas seguían pendentes de aprobación.

O Concelleiro de facenda Miguel Mahia confirmou hoxe que “aínda non logramos pagar todas as facturas pendentes do anterior goberno municipal pero continuamos traballando para o seu abono á maior brevidade posible, co obxectivo de ocasionar o menor perxuicio aos autónomos e pequenas empresas que prestan os seus servizos ao concello, e que levan meses esperando para cobrar as súas facturas”.

Este é o cuarto REC que se aproba desde a moción de censura presentada polos populares, e ata o momento o importe total de facturas abonadas pendentes de pago de 2019 ascende a máis de 756.000 euros.

Desde a Concellería de Facenda infórmase tamén do inicio dos traballos para a presentación da liquidación do exercicio económico de 2019, coa intención de poder elaborar o Plan Económico Financeiro pendente desde abril do pasado ano, e así poder iniciar a aprobación dos orzamentos para o exercicio 2020 que o concelleiro da área xa define como complementarios dos orzamentos de 2021.

“Lamentablemente teremos que empregar todo o exercicio 2020 para poder realizar os orzamentos que os veciños e veciñas de Mugardos merecen e necesitan, e que serán os de 2021. Haberá que ter paciencia, pero chegarán” engadiu Miguel Mahia.

Salir de la versión móvil