Mugardos cancela a Festa do Polbo polo “alto risco de contaxio” que suporía

O goberno municipal traballa nunha liña de axudas directas para autónomos e pemes cun orzamento inicial de 150.000 euros.

Cancelar a XXX edición da Festa do Polbo de Mugardos foi o acordo adoptado hoxe na comisión extraordinaria de cultura e turismo, órgano no que se debateu e adoptou a medida co apoio de todas as forzas políticas presentes na corporación, excepto Esquerda Unida. Os motivos expostos para a cancelación pasan pola imposibilidade de artellar un dispositivo que permitise garantir a seguridade sanitaria dos asistentes, participantes e organizadores, así como os fluxos de movilidade dos milleiros de persoas que puideran achegarse ao evento.

En reunións anteriores xa se expuxo por parte do goberno municipal que os protocolos de actuación vixentes (limitación de aforo, desinfección, limpeza, distancia social) impedían a organización dun evento destas características. “Non era posible organizar unha festa coas mínimas medidas de seguridade, e para nós iso é o primordial. Nunca sabremos que podería pasar de terse celebrado, pero de seguro, a XXX edición da Festa do Polbo de Mugardos contará con todas as garantías para todos os participantes, e iso este ano era imposible garantilo” afirmou o alcalde Juan Domingo de Deus.

Para paliar o impacto da cancelación dun evento desta importancia para a economía local, o alcalde anunciou que xa está a traballar nunha liña de axudas directas a autónomos e pemes cun orzamento total duns 150.000 euros, que recolla todo o que non se vai emplear na festa do polbo, para adicalo exclusivamente a estas subvencións.

Tamén se estuda a posibilidade de ampliar os espazos de terrazas e aos desprazamentos a pé, sen perxudicar a movilidade do tráfico rodado “Esta é unha medida para o curto e o medio prazo. Os mugardeses e mugardesas teremos que adaptarnos ás novas formas de relación social, e tamén o deseño e a movilidade do noso concello terá que facelo para facilitar a vida da veciñanza”, explicaron dende o goberno.

 

Salir de la versión móvil