O Concello de Mugardos anunciou que nas próximas realizará novas incorporacións á plantilla da Policía Local. Logo de anos con apenas dous axentes en activo, o que non permitía o normal desenvolvemento das actividades propias do corpo, un novo axente, que ocupará a praza de xeito definitivo, incorporarase nas próximas semanas ao finalizar a súa formación na academia.
Así mesmo, e dada a necesidade de efectivos para o corpo, o Concello solicitou a asignación de tres auxiliares de Policía Local desde abril ata final de ano, que o goberno municipal esperan lle sexan concedidos nas próximas datas.
No derradeiro pleno a corporación municipal aprobou delegar na AGASP (Academia Galega de Seguridade Pública) os procesos de selección de persoal da Policía Local o que axilizará os trámites para a incorporación de axentes ao corpo. Así mesmo, a corporación aprobou a modificación de crédito que permitirá o pago de máis de 6.500 euros en concepto de horas extraordinarias que o Concello debía aos axentes da Policía Local desde facía máis de un ano.
O concelleiro de persoal, Miguel Mahía, confirmou que o goberno municipal decidiu facer fronte de xeito inmediato aos problemas de falta de efectivos da Policía Local debido ás innumerables queixas que os veciños e veciñas viñan expoñendo desde a disminución da plantilla policial aplicada nos últimos anos. “O servizo da Policía Local mellorará considerablemente durante este ano, así como as condicións de traballo dos propios axentes. O aumento da plantilla e o pago das horas extraordinarias eran temas prioritarios para o noso goberno”.