Mugardos organiza un concurso escolar literario e unha andaina solidario polo 8M

Os escolares poderán participar na actividade con relatos sobre o papel da muller mugardesa no seu día a día

Dentro dos actos municipais previstos para a celebración do 8 de marzo, o Concello de Mugardos volve convocar un concurso escolar literario, que ten como obxectivo que os nenos e nenas redacten obras nas que se reflicta a loita ou logro de calquera muller mugardesa.

O prazo de presentación das obras finalizará este próximo 11 de marzo e repartiranse un total de 500 euros en premios. O concurso está organizado pola Concellería de Igualdade e dirixido a alumnos da EPO e a ESO, e haberá unha mención especial para o centro educativo con maior implicación no concurso.

A concelleira de Igualdade, Ana Varela destacou “a importancia de dar altofalante ás mulleres pioneiras, aquelas que loitaron pola igualdade cando esta non era vista pola sociedade como un dereito senón coma unha ameaza. A participación e desenvolvemento da muller en igualdade é unha realidade que avanza, aínda que dá a sensación de que a menor velocidade da necesaria”.

Andaina inclusiva

Tamén dentro das celebracións do 8 de marzo, a Concellería de Igualdade, en colaboración coa Asociación Sociocultural ASCM, organiza para os centros escolares municipais o evento “ SporTod@s, andaina de cores inclusiva”, unha actividade nova e visual, que fomenta a inclusión social, favorecendo a promoción de hábitos saudables e a prevención de condutas de risco entre a poboación, así como a sensibilización contra calquera forma de discriminación, e na que os nenos e nenas tomarán as rúas de Mugardos enchéndoas de cor.

 

Salir de la versión móvil