A concelleira de Cultura e Turismo Begoña Roldós informou hoxe do avance da programación da XXX Festa do Polbo do próximo 9 de xullo.
Xa anunciado o pregoeiro do evento, que será o coñecido humorista, actor e presentador galego Xosé Antonio Touriñán, Roldós confirmou que este dará inicio á festa co seu pregón desde o balcón da Casa do Concello ás 11:30 horas. Así mesmo, a concelleira informou de que durante o día están programadas as actuacións dos Kilomberos polas rúas mugardesas desde as 18:00 horas, e da Orquestra La Banda de Ayer desde as 22:30 horas.
A maiores, e no relativo aos aspectos máis técnicos da festa, xa está en marcha a licitación do servizo de montaxe, preparación e vixiancia da infraestructura da carpa -por dous anos-, a subministración, cocción e preparación do polbo, a cerámica e utensilios ou a divulgación da festa.
Así mesmo, en canto ao operativo de seguridade e emerxencia, seguen as reunións de coordinación para tratar todos os aspectos relevantes da celebración da festa. Dentro deste operativo, o próximo mércores 22 de xuño terá lugar a reunión da Xunta Local de Seguridade ás 10:00 horas.
A concelleira confirmou que xa están fixados os aforos e as franxas horarias escalonadas no acceso á carpa co obxectivo de que os asistintes desfruten do día sen masificacións no interior da carpa. Así, en cada tramo horario programado serviranse un máximo de 320 racións -ate alcanzar o máximo ofertado de 3.500 unidades en total- e os horarios serán de 13:00 a 21:30 horas, repartidos en tramos dunha hora en cada unha das dúas zonas asignadas no interior da carpa.
“Celebramos a nosa querida festa do polbo con máis alegría, ilusión e gañas que nunca, poñendo en valor as nosas tradicións e recuperando a esencia familiar desta festividade, pensando en grandes e pequenos, e co obxectivo de que todos e todas volvamos a gozar da nosa festa gastronómica máis emblemática” afirmou Roldós.
Desde a concellería anunciaron hoxe tamén que “aínda queda algunha sorpresa prevista para ese día, que esperamos faga as delicias de mugardeses e visitantes, e que presentaremos nas próximas datas”.