O Concello de Narón anunciou este mesmo xoves 20 de agosto a cancelación de actos organizados tanto pola administración local como dende o Padroado da Cultura e que ían ter lugar dende finais deste mes ata finais de setembro.
«Ante o avance no número de afectados pola Covid-19 que se está rexistrando nos últimos días a nivel xeral e na nosa comarca en particular, tras analizar a situación consideramos que o máis prudente nestes momentos é cancelar unha serie de actividades que estaban previstas para finais deste mes e tamén en varios días de setembro, evitando así concentracións de moitas persoas nunha mesma localización, co risco que podería supoñer de cara á propagación deste virus», asegurou a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro.
Cancelación de ata tres eventos
Así pois, para evitar a propagación do virus anúlase dunha vez tres eventos: por un lado a tradicional «Festa do Xogo 2020», unha convocatoria organizada dende o Padroado da Cultura con múltiples propostas de xogo tradicional dirixidas a todo tipo de públicos, e que se ía celebrar os días 30 de agosto e 6, 13 e 20 de setembro en diferentes ubicacións do termo municipal.
Por outra banda non se celebrará o concerto do grupo de música galega «Dequenvessendo», previsto para o 20 de setembro no parque fluvial de Freixeiro, ás 12.00 horas, e analizarase neste caso a posibilidade de buscar unha nova data para esta proposta, concedida ao Concello pola Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Así mesmo tampouco se realizará este ano a «Gran Festa Infantil Cidade de Narón», coa que tradicionalmente se despedía a tempada estival no mes de setembro. Dende a concellería de Festas, á vista da situación das últimas semanas, estívose analizando a viabilidade de organizar catro actos dun formato diferente con menor aforo en catro espazos públicos da cidade, se ben finalmente tamén se descartou esta opción como medida de seguridade e preventiva.
«Dende o Concello estivemos mantendo algunhas das actividades organizadas para a cidadanía durante a tempada estival, pero consideramos que ante a tendencia dos últimos días cun incremento de novos contaxios e brotes por coronavirus debemos cancelar aqueles actos que poidan supoñer unha elevada concentración de persoas como medida preventiva para frear o avance da Covid-19», sentenciou Ferreiro.