O Concello de Narón realizou o pasado mércores 12 de agosto o pago das primeiras axudas concedidas a pequenas empresas, microempresas e autónomos da cidade a través do programa municipal «Narón impulsa». Nesta primeira quenda aboáronse, tal e como indicou a alcaldesa, Marián Ferreiro, as contías estipuladas para as 60 solicitudes que cumpriron todos os requisitos recollidos nesta convocatoria, dotada cun total de tres millóns de euros.
En total rexistráronse 751 solicitudes a esta convocatoria, impulsada para paliar os devastadores efectos que a crise da Covid-19 tivo entre o sector, moi afectado polo cese da súa actividade nalgúns casos ou por ver mermada a súa facturación considerablemente. A alcaldesa recordou tamén que os departamentos pertinentes traballaron estes días na revisión doutras 468 solicitudes entregadas en prazo pero que tiveron que subsanar algún erro ou aportar documentación a maiores.
Tres tipos de contías
O importe das subvencións organizouse en función de varios baremos, establecéndose tres contías según os requisitos establecidos. Deste xeito, recibirán, no caso de cumprir todos eses requisitos, 2.000 euros as persoas físicas ou xurídicas sen persoal por conta allea ao seu cargo ou con ata dous traballadores/as a 1 de marzo deste ano; de 3.000 as persoas físicas e xurídicas con entre 3 e 9 traballadores/as tamén a 1 de marzo e, as máis elevadas, de 4.000 euros para o mesmo colectivo pero cun cadro de persoal de entre 10 e 49 empregados/as a 1 de marzo deste ano.
Unha vez recibidas estas axudas os perceptores das mesmas deberán presentar no mes de xaneiro do vindeiro ano documentación xustificativa de que cumpriron as obrigas establecidas nas bases da convocatoria do programa «Narón impulsa».