Esta mañá do luns 7 de setembro a alcaldesa, Marián Ferreiro, e a presidenta da fundación, María Elvira Ferrer, asinaron un convenio de colaboración cun importe do ascendente ata os 2.500 euros. Esta contía permitirá continuar traballando dende o goberno local e a citada Fundación con persoas afectadas por Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade -TDAH-, e tamén coas súas familias, tal e como indicou a rexedora local.
A Fundación habilitou no ano 2018 en Narón, concretamente nas instalacións do Centro Municipal Manuela Pérez Sequeiros, un Punto de Asesoramento Familiar -PAF-. Dende o centro naronés profesionais nesta materia ofrecen -sempre con cita previa, que se pode solicitar na web: www.fundacioningada.net– varios servizos e actividades -asesoría xurídica, formación, grupos de axuda mutua…- ao colectivo con TDAH non só de Narón, senón de toda a comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal.
A alcaldesa valorou o traballo que se realiza dende este servizo ao longo do ano con numerosas propostas para axudar ás persoas con TDAH e ás súas familias, orientándoas e asesorándoas e, ao mesmo tempo, ofrecéndolles unha gran variedade de actividades.
Finalmente, Ferreiro recalcou que dende o Concello «continuaremos apoiando fundacións como Ingada, que poñen á disposición da cidadanía os recursos precisos para mellorar a calidade de vida do colectivo ao que atenden».