Narón e San Sadurniño firman un acordo para o uso conxunto da EDAR de Cornide

Este contrato cunha duración de 3 anos obriga ao municipio naronés a manter activa a asistencia técnica da depuradora a través da empresa de augas COSMA
DSC08802-web1281x1920H50

Esta mañá do 7 de agosto ambos alcaldes dos respectivos concellos suscribiron en San Sadurniño o acordo de colaboración entre ambos municipios para o uso conxunto da depuradora de Cornide. O texto xa fora aprobado polos respectivos plenos municipais e hoxe déuselle a luz verde definitiva a un convenio que lle permitirá a Narón conectar á estación de tratamento unha vintena de vivendas da zona limítrofe da Portela.

San Sadurniño recibirá a cambio unha pequena compensación económica anual e unha asistencia técnica por conta de Narón -a través de COSMA-, quen se encargará do seguimento semanal do funcionamento dos equipos e dos parámetros de depuración.

Tal e como indicou o rexedor de San Sadurniño, o acordo rubricado esta mañá «é moi satisfactorio para ambas partes porque compartimos e optimizamos un investimento público. San Sadurniño sae beneficiado, ademais, porque se nos presta unha asistencia técnica moi necesaria para que a depuradora funcione correctamente que co noso persoal non tiñamos capacidade para poder realizala».

O mantemento anual da depuradora está cifrado en algo máis de 34.600 euros que ambos consistorios asumirán proporcionalmente segundo o número de domicilios usuarios, 262 en San Sadurniño e 20 en Narón. Este último deberá facerse cargo, polo tanto, dun 7,09% do gasto -2.460,16€/ano-, que se satisfará maioritariamente en especie mediante unha asistencia técnica, encomendándolle á empresa de augas COSMA a revisión semanal do funcionamento dos equipos, dos resultados analíticos e do funcionamento xeral da EDAR. Tan só faltarían por cubrir algo máis de 153 euros que Narón lle transferirá a San Sadurniño todos os anos mentres dure o acordo, que ten unha vixencia inicial e prorrogable de tres anos.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.