Narón e San Sadurniño firman un acordo para o uso conxunto da EDAR de Cornide

Este contrato cunha duración de 3 anos obriga ao municipio naronés a manter activa a asistencia técnica da depuradora a través da empresa de augas COSMA

Esta mañá do 7 de agosto ambos alcaldes dos respectivos concellos suscribiron en San Sadurniño o acordo de colaboración entre ambos municipios para o uso conxunto da depuradora de Cornide. O texto xa fora aprobado polos respectivos plenos municipais e hoxe déuselle a luz verde definitiva a un convenio que lle permitirá a Narón conectar á estación de tratamento unha vintena de vivendas da zona limítrofe da Portela.

San Sadurniño recibirá a cambio unha pequena compensación económica anual e unha asistencia técnica por conta de Narón -a través de COSMA-, quen se encargará do seguimento semanal do funcionamento dos equipos e dos parámetros de depuración.

Tal e como indicou o rexedor de San Sadurniño, o acordo rubricado esta mañá “é moi satisfactorio para ambas partes porque compartimos e optimizamos un investimento público. San Sadurniño sae beneficiado, ademais, porque se nos presta unha asistencia técnica moi necesaria para que a depuradora funcione correctamente que co noso persoal non tiñamos capacidade para poder realizala”.

O mantemento anual da depuradora está cifrado en algo máis de 34.600 euros que ambos consistorios asumirán proporcionalmente segundo o número de domicilios usuarios, 262 en San Sadurniño e 20 en Narón. Este último deberá facerse cargo, polo tanto, dun 7,09% do gasto -2.460,16€/ano-, que se satisfará maioritariamente en especie mediante unha asistencia técnica, encomendándolle á empresa de augas COSMA a revisión semanal do funcionamento dos equipos, dos resultados analíticos e do funcionamento xeral da EDAR. Tan só faltarían por cubrir algo máis de 153 euros que Narón lle transferirá a San Sadurniño todos os anos mentres dure o acordo, que ten unha vixencia inicial e prorrogable de tres anos.

Salir de la versión móvil