O pleno ordinario naronés celebrado esta mañá aprobou unha moción presentada polo bipartito naronés -TEGA e PSOE- e polo BNG en apoio das demandas da Confederación das Anpas galegas sobre o inicio do curso 2020/2021 e sobre a que se abstiveron os edís do PP.
A través deste documento ínstase á Xunta a informar aos concellos da contía que o Goberno central lles vai transferir para investimentos en materia de educación por gastos extraordinarios polas medidas de adaptación ao protocolo da Covid-19.
Así mesmo, ínstase tamén á Xunta a asumir a xestión do programa de madrugadores e de actividades extraescolares nos centros de ensino públicos da cidade por ser imprescindibles para facilitar a conciliación familiar e laboral.
Neste apartado a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, explicou que a moción responde «á improvisación das medidas e falta de empatía e diálogo da Xunta coas comunidades educativas e as administracións locais», a pesar de que sexa a administración autonómica a competente en materia de Educación.
Na mesma liña, o voceiro do PSOE, David Pita, acusou á Xunta de «pasar a pelota dende que se decretou o estado de alarma e de deixadez de funcións a pesares que dende marzo se leva avisando das necesidades dos centros para retomar o curso escolar».
Finalmente, a alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou o esforzo inversor que se realiza dende concellos como o naronés para reforzar a limpeza e desinfección e tamén incrementar as horas de persoal de apoio, limpeza e comedores nas escolas infantís municipais.