O pasado 5 de setembro a triatleta asturiana, Paula Herrero, proclamábase a campiona de España de élite en distancia olímpica tras facerse coa vitoria no campionato celebrado en Banyoles, Girona. É por motivo deste triunfo que hoxe, 28 de setembro, a alcaldesa, Marián Ferreiro, recibiu ao presidente do club Náutico Narón, Amando Guerrero, para homenaxear á deportista que, por desgraza, non puido achegarse tras atoparse en Madrid.
Unha felicitación máis que merecida
O pasado venres Paula Herrero recibiu un recibimento sorpresa no paseo marítimo de Xuvia, onde numerosos deportistas do citado club naronés a esperaban para felicitala polo resultado obtido en Banyoles e incluso se fotografiaron con ela e lle pediron autógrafos.
A homenaxeada tamén recibiu varios agasallos por parte do club, onde ao día seguinte continuou traballando coas súas compañeiras e compañeiros.
No mesmo campionato de Banyoles, Natalia Castro obtivo o 6 de setembro a terceira praza da Copa de Europa Junior e o pasado mes de agosto, os días 22 e 23, a triatleta Sara Guerrero, acadou o segundo posto do campionato de España de distancia Sprint, proclamándose o Náutico de Narón campión de España por clubes nas categorías Junior e Sub23.
A alcaldesa de Narón trasladou a Guerrero a felicitación para Paula Herrero polo resultado obtido en Banyoles e agradeceu o agasallo recibido por parte do club. Así mesmo, Ferreiro felicitou ao resto de deportistas do club naronés que participaron nas últimas competicións celebradas polos resultados obtidos e animounos a continuar traballando como ata agora para continuar sendo todo un referente do deporte na cidade.