Narón iluminará de cor vermella o Pazo da Cultura e a glorieta de Freixeiro polo Día Mundial do Corazón

Do 28 ao 29 de setembro ambos espazos municipais brillarán con luz propia para sensibilizar á poboación sobre a problemática cardiovascular

O Concello sumarase o vindeiro día 29 aos actos conmemorativos do Día Mundial do Corazón iluminando de cor vermella na noite do 28 ao 29 o edificio do Pazo da Cultura e a glorieta de Freixeiro. O concelleiro de Sanidade, Santiago Galego e o presidente da Asociación Amigos del Corazón -Amicor-, Carlos Piñeiro, deron a coñecer esta mañá no Concello a iniciativa.

O goberno local naronés programaba cada ano a gala “Mulleres en Vermello”, para conmemorar esta data, se ben nesta ocasión debido á pandemia da Covid-19 se optou por iluminar de vermello o Pazo e a rotonda de Freixeiro.

Utiliza o corazón

“Utiliza o corazón” é o lema deste ano do Día Mundial do Corazón, un día, asegurou Piñeiro “no que se trata de sensibilizar á poboación sobre a problemática cardiovascular, unha problemática que causa a morte de case trece millóns de persoas ao ano no mundo e dunhas 123.000 en España”.

O presidente de Amicor incidiu en que “o 80% destas mortes poden evitarse se se adoptan medidas de prevención cardiovascular, como evitar o sedentarismo e a hipertensión, coidar a alimentación…”. En relación á actual situación sanitaria Piñeiro incidiu en que os enfermos cardiovasculares son dos colectivos máis vulnerables á Covid-19 polo que calquera medida preventiva é máis necesaria ca nunca para eles.

O edil de Sanidade destacou a importancia de colaborar con entidades como Amicor para dar visibilidade á actual situación é á importancia de concienciar á cidadanía sobre a importancia de manter hábitos de vida saudables.

Salir de la versión móvil