Narón mostra o seu apoio aos traballadores de Siemenes Gamesa

O goberno local levará ao próximo pleno unha declaración institucional tras a reunión mantida cos representantes do comité da empresa somocense

O pasado venres o Concello de Narón acolleu unha reunión presidida pola propia alcaldesa, Marián Ferreiro, con representantes do comité de empresa da somocense Siemens Gamesa. Á convocatoria acudiron representantes de todos os grupos políticos da corporación local que no transcurso da mesma escoitaron as reivindicacións do colectivo.

O presidente do comité de empresa de Siemens Gamesa en As Somozas, Sergio López, trasladou aos representantes da corporación local a súa preocupación polo incerto futuro da planta das Somozas, cuxos  300 traballadores só contan con carga de traballo ata finais de ano

Deslocalización cara Portugal

A compra por parte de Siemens Gamesa dunha nova planta en Portugal -onde se están realizando novos modelos de palas para aeroxeradores tras grandes inversións-, alerta ao comité sobre unha posible deslocalización da compañía ao país luso, polo que, ” de non realizarse investimentose na planta das Somozas, esta quedará obsoleta”, asegurou Sergio López.

Dende o comité lamentaron “a falta de vontade da empresa para dialogar sobre esta situación e tratar de garantir o futuro desta planta” e acusaron á empresa de “non estar poñendo nada da súa parte para atender as necesidades da compañía e garantir o seu futuro nas Somozas”.

A corporación local trasladoulles o seu apoio ao colectivo e anunciou, tras así acordalo co resto de grupos, que levarán unha declaración institucional ao pleno do vindeiro xoves, día 24, para amosar o seu apoio ás reivindicacións do colectivo.

Salir de la versión móvil