Esta mañá o Concello naronés presentou tres cursos en liña para o emprendemento e subvencionados pola administración autonómica -en colaboración coa Rede Eusumo de Galicia- e o Fondo Social Europeo. Trátase de formación de balde, dirixidos a público en xeral pero para cuxa participación terán prioridade as mulleres, as persoas desempregadas, en risco de exclusión social ou vencelladas á economía social.
Os cursos convocados con trinta prazas en cada un deles son de «Aprender a emprender. Formación para o Emprendemento cooperativo», que terá lugar entre o 15 de setembro e o 13 de outubro; «Cultura financieira e finanzas éticas para o emprendemento», do 22 de setembro ao 19 de outubro, e «Como elaborar un Plan de Empresa cooperativa», do 29 de setembro ao 27 de outubro.
Tres cursos básicos para constituir un negocio
O curso sobre «Aprender a emprender. Formación para o emprendemento cooperativo» terá unha duración total de 60 horas e ten entre os seus obxectivos analizar o perfil da persoa emprendedora, describir a estrutura dunha empresa cooperativa, cos trámites precisos para poñela en marcha, e ofrecer ao alumnado unha serie de pautas e nocións básicas para describir correctamente unha idea de negocio e analizar as súas potencialidades.
Outra das propostas é sobre «Cultura financieira e finanzas técnicas para o emprendemento», tamén de 60 horas de duración e na que, avanzando na creación dunha cooperativa, se aprenderán os conceptos básicos sobre o funcionamento dunha economía, as decisións económicas dunha empresa, os diferentes mercados, produtos e intermediarios financieiros… e, en definitiva, a familiarizarse co funcionamento dunha economía moderna.
Por último, o curso sobre «Como elaborar un Plan de empresa cooperativa», que ao igual que os dous anteriores terá unha duración de 60 horas, ten entre os seus obxectivos incidir na utilidade e importancia dun Plan de empresa cooperativo e capacitar ao alumnado para a súa creación, así como ofrecer os conceptos clave e as ferramentas para realizar plans de mercadotecnia, económico-financieiro, producción e de recursos humanos dun xeito práctico e profesional.