Esta mañá do mércores 19 de agosto presentouse en Narón o curso «Tempo de colleitar, tempo de conservar», co cal quen o desexe aprenderá a facer conservas de produtos tanto do mar como da horta, con diferentes técnicas: en aceite, deshidratación, fermentación, en vinagres e manzanillas…
A convocatoria, de balde e con inscrición previa, terá lugar os días 28 e 29 de agosto nas inmediacións do local social do Val, e as inscricións deben realizarse antes do 25 deste mes a través do correo electrónico: [email protected] ou a través do Whatshapp, chamando ao teléfono 604 024 849, indicando o nome e apelidos, enderezo e número de teléfono móbil.
Dende a casa consistorial agradeceron o labor que a asociación Terra Rendible realiza no Concello e incidiron en que esta convocatoria supón unha oportunidade para rentabilizar a produción, ao tempo que animou ás persoas interesadas a anotarse para cubrir as 25 prazas dispoñibles.
Os asistentes poderán ver como se realizan conservas de bonito –utilizando aceite de Quiroga-, de cenorias… e outros produtos, tal e como avanzaron dende a organización. Quen quiera parcitipar terá que ter en conta a obrigatoriedade da máscara e que haberá a súa disposición xel hidroalcohólico, a maiores de manter as distancias de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias.