Narón celebrará unha homenaxe institucional o vindeiro 23 de novembro, Día de Narón, para rendir tributo ás vítimas da Covid-19, a todas aquelas familias que perderon un anaco de eles mesmos neste tráxico camiño e tamén a aqueles colectivos de profesionais e persoal voluntario que continuaron traballando tras decretarse o estado de alarma, ofrecendo o mellor deles á cidadanía día tras día. Dende a administración local quixeron sinalar unha data tan importante e especial para toda a veciñanza como o escenario idóneo para ofrecer un recoñecemento aos milleiros de persoas que faleceron a causa do coronavirus.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, proporá formalmente este luns, día 27, na Xunta de Portavoces, a celebración deste evento para lembrar ás vítimas desta grave pandemia e en recoñecemento do intenso traballo, compromiso e a xenerosidade que durante a pandemia desenvolveron os diferentes colectivos de profesionais e voluntarios. «Sabemos, porque así se demostrou en múltiples ocasións, que a nosa cidade, as nosas veciñas e veciños, son moi solidarios e unha vez máis este feito constatouse co traballo e colaboración que brindaron durante todos estes meses e que continúan levando a cabo para axudar ás persoas que nestes momentos precisan axuda», foron as palabras que a edil mencionou para agradecer estos xestos de solidaridade por parte da veciñanza.
Como é loxico esta convocatoria celebrarase atendendo ás medidas preventivas da Covid-19 que nese momento estean en vigor para ofrecer as máximas garantías sanitarias ás persoas que acudan ao acto. A propia alcaldesa remarcou que a pesar de que o peor xa pasou aínda este virus segue xerando nos diferentes sectores e na sociedade en xeral graves repercusións, polo que nunca hai que baixar a garda. «Aquelas persoas que estiveron á fronte dos sectores que se mantiveron operativos durante o estado de alarma merecen o noso máximo recoñecemento polo seu labor para paliar os devastadores efectos dunha situación que era nova para todos», dixo a edil para agradecer as mostras de humanidade que permitiron superar esta tráxica e sorprendente crise sanitaria.